RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Borja Jiménez: "O obxectivo depende de nós mesmos, pasa polas nosas vitorias, polo que nós fagamos"

Borja Jiménez alertou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que o CF Rayo Majadahonda, rival mañá sábado 2 de abril en ABANCA-RIAZOR (19:00 horas, Footters, TVG-2 e G24.gal), "é un claro candidato ao playoff. Ten unha maneira de xogar bastante vistosa, con capacidade para dominarche e tamén para poder transitar. Será un partido igualado como foi na ida e como son este tipo de partidos entre equipos moi parellos, co mesmo obxectivo".

O técnico branquiazul ve aos seus futbolistas "ben, con ánimo, doídos pola derrota, por como se produciu, pero con ganas de volver xogar"; e así mesmo, "moi mentalizados do que teñen que facer, con moitas ganas de estar con #ANOSAFORZA, de facelo ben, de gañar... É a única mentalidade que temos, o día a día, a nosa mellora propia, vai depender de nós mesmos. Non temos que facer nada máis, mellorar, gañar. Quedan 8 máis Extremadura, 9 partidos. A partir de aí non sabemos se teremos que xogar dous máis ou non. Pero xa tivemos unha xeira de 13 xornadas sen perder. Temos que volver facer o que xa fixemos algunha vez, ou sexa, non hai que facer nada extraordinario", engade.

Con só Noel como único dianteiro dispoñible mañá sábado, considera que para o canteirán "é unha oportunidade moi boa. Non é a primeira. Foi un habitual nas aliñacións, no once. É verdade que acompañado algunha vez de Miku, outra de Quiles ou mesmo dos dous. Esta semana porémoslle seguro algún acompañante para que lle poida axudar. Non creo que sexa responsabilidade. Ademais é un rapaz que para iso ten moito descaro, sempre quere participar, sempre quere xogar e mañá terá outra oportunidade máis das que tivo durante o ano. Estou moi tranquilo nese aspecto, porque xa sabedes que a confianza en Noel é moi grande".

De todos os xeitos, lembra que "o importante é que o equipo gañe, que vaiamos tendo sensacións boas de forma continuada e poder seguir para adiante".

Preguntado por unha reunión con David Villasuso, Director Xeral, advertiu que "está máis veces por aquí" e que trasladou "unha clara mensaxe de que somos a xente que se decidiu apostar para devolver ao Dépor ao fútbol profesional e os que estamos aquí somos os que o imos a conseguir. A reunión foi máis máis extensa pero basicamente era iso".

A nivel persoal, Borja Jiménez comprende que sexa "difícil de entender para vós ou para a xente en xeral que o leves con relativa normalidade a vitoria ou a derrota porque son así, porque xa teño algún ano que outro no fútbol, porque teño a tranquilidade para saber que conseguimos os obxectivos sempre que nos marcaron, porque entendo que nun club tan grande como o Dépor unha serie negativa ten máis repercusión. Tento estar bastante á marxe de todo, centrarme no traballo. Cando perdes estás doído un pouco polo agarimo que me mostra #ANOSAFORZA cada semana independentemente do resultado. Tes esa empatía con eles e moléstache ou che doe máis que noutros sitios onde a empatía era menor. O único que podo facer é traballar, dedicarlle máis tempo, ir buscando solucións para que a nosa afección estea contenta do que nós facemos, podamos gañar, eles sexan felices, podamos conseguir o obxectivo, eles estean contentos. É o meu único obxectivo".

Móstrase "convencido de que o imos a facer como hai moitas semanas. Teño o mesmo convencemento de que o equipo vai ascender", conclúe o adestrador abulense.

Insiste en que o seu discurso é "gañar mañá. Non hai máis. Gañar, gañar o domingo seguinte, gañar cada semana, gañar, gañar e volver gañar. Cando acabe o ano a clasificación dirá se fomos primeiros, segundos, terceiros... En función diso xogaremos ou non un playoff, pero até entón gañar cada semana. Mirar o que fai o Racing ou o que faga o CF Rayo Majadahonda, o Racing de Ferrol, o UD Logroñés é queimar forzas onde non debemos. O obxectivo depende de nós mesmos, pasa polas nosas vitorias, polo que nós fagamos. ¿Que máis dá o que fagan os demais? O ascender ou non vai depender de nós. O que temos que facer é centrarnos en que o obxectivo segue estando nas nosas mans e que o único que hai que facer é gañar partidos para conseguilo".