RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Dani Giménez advirte que "os rivais que xoguen contra o Dépor farano hipermotivados"

Dani Giménez pasouse esta mañá pola sala de prensa de Abegondo. O meta galego, que ademais se esforzou por contestar en lingua galega ás preguntas a pesar de pasar moitos anos lonxe de Galicia, conta que a pretemporada está a transcorrer con normalidade: "Un pouco de cansazo. Estamos a coñecernos todos os xogadores. Aos poucos imos mellorando en aspectos técnicos, fortalecéndonos en aspectos tácticos. Unha pretemporada que segue coa corrente normal".

Explica o gardameta branquiazul que Natxo González quere que o seu equipo sexa "sobre todo protagonista. Estamos a empezar cun sistema no que o que prevalece é ter o balón. Se non temos o balón, imos sufrir un pouco máis. O importante é ter o balón, ser protagonista, ser ofensivos pero tamén saber dar esa calma, esa paciencia que hai que ter nos partidos".

Eloxiou a profesionalidade de Tytoń: "Está a adestrar moi ben. É moi bo compañeiro. A verdade é que o está facendo todo fácil para min, e agradézollo moito". Insiste en que o internacional polaco está a levar "ben" a pretemporada: "Desde o primeiro día foi moi compañeiro meu. Se nos vedes adestrar estamos bastante tempo chanceando e á vez cunha competencia sa. Eu véxoo moi centrado. Se sae ou non sae el ten que adestrar para estar no mellor momento posible, xa sexa no Dépor ou noutro lado".

Asegura estar centrado en si mesmo sen importarlle quen pode ser o seu compañeiro baixo os paus na liga: "Á miña idade compito para estar ben. Non penso máis aló do equipo e de eu aos poucos ir atopándome mellor, ir sumando eses minutos que che fan estar en mellores situacións, en ver mellor o fútbol, en ver mellor o sistema. Adestrando para estar a tope e empezar o primeiro partido de liga nas mellores condicións posibles". "Se vén alguén ben e se non encantado co que teño de rivalidade", conclúe.

Preguntado pola suspensión da concentración prevista para a próxima semana en Vilalba, Dani Giménez indica que "parece ser que estaba o campo un pouco irregular. Tendo nós a cidade deportiva que temos, para ir a un campo que non estea en boas condicións, mellor quedar en casa".

Subliña defender "sempre que cando os equipos necesitan un sopro de aire fresco, dancho os canteiráns. Vexo moi ben que estean a adestrar connosco. Ademais, algún me sorprendeu moi para ben, creo que ten cousas que pode achegar moito ao equipo. Ao final a canteira hai que coidala, ensinarlles porque en calquera momento dáche o empuxe, o salto de calidade para que o equipo estea onde teña que estar".

Nesta liña, sobre Francis, o canteirán mundialista, Dani Giménez apunta que "ten que saber que ten que xogar. Ten unha boa proxección, pero debe de ir aos poucos. Evidentemente é moi novo. Con calma, tentando mellorar día a día é como pode alcanzar a súa cima. ¿Cando o veremos? Non o sei. Ao final xogadores tan novos é díficil acertar cando van dar o 100%".

Cre que a entrada e saída dos xogadores este verán no vestiario de Abegondo é normal na situación do Deportivo: "Cando un equipo descende pasa isto. As Palmas tamén trouxo unha chea de xogadores novos. Fálase que van fichar 6 ou 7 máis. Nós estámolo facendo con máis calma. O Club ten claro que o que quere é que saian xogadores para traer a outros novos. E sobre todo ten claro que a ilusión da xente que estea no vestiario sexa a máxima para subir, que teña as cousas claras. Temos que ser moi competitivos desde o principio; e ser compañeiros e estar centrados na Segunda División, que é moi complicada".

Resta importancia a empezar a liga lonxe do Estadio ABANCA-RIAZOR, debido ás obras nas cubertas: "Logo xogaremos 3 partidos en casa. Ao final nunca sabes se é o mellor empezar así, porque os equipos non están rodados... Os rivais que xoguen contra o Dépor van xogar hipermotivados. Sabémolo e temos que igualar esta motivación que eles van ter".

Considera moi positivo o comedor habilitado na Cidade Deportiva para almorzar e comer todos xuntos: "Todo o que sexa sumar é benvido. Estou afeito almorzar e comer co equipo. O último ano no Betis faciámolo. Era algo que estabamos a pedir os capitáns desde hai tres anos, ata que este ano aceptáronnolo. Cando cheguei aquí foi unha grata sorpresa porque controlas un pouco máis esas cousas que están fóra do campo de adestramento pero que son igual de importantes para os xogadores, a comida, o descanso..."