RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Dani Giménez: "Cando falas moito do árbitro acaba soando a escusa e non queremos iso"

Dani Giménez, un dos capitáns, fixo autocrítica esta mañá na sala de prensa de Abegondo. "Quen empatou o partido somos os xogadores", en referencia ao resultado do pasado sábado no Nuevo Arcángel. "Se chegamos a estar mellor, probablemente gañásemos o partido e máis adiantándonos", sostén.

Na súa opinión, "cando falas moito do árbitro acaba soando a escusa. E iso é o que non queremos. Temos que centrarnos no que nos vén xa. Temos que aprender dunha vez que o árbitro é unha persoa independente a nós, que aínda que pode influír no resultado, máis influímos se a nosa conduta non é a adecuada".

Por este motivo, insiste o meta deportivista en "centrarnos no noso, tentar ter o balón e seguir como estamos até agora. Puír eses pequenos detalles. Non hai máis. Se segues falando do árbitro despístasche. E o Reus vén xa".

Advirte este futbolista galego de sobrada experiencia "certa falta de calma en certas situacións. Hai certos cartóns que temos que aprender xa que non se pode facer. Falamos moito de Segunda pero nin en Primeira pódese facer iso. Esquecernos dos árbitros porque o resultado vai depender no 99 % dos casos do que fagamos nós no campo. Puntualmente o árbitro pode axudar ou amolar. Pero ao final é o noso xogo, a nosa mentalidade e sobre todo manter a calma nestas situacións".

Deste primeiro tramo ligueiro, despois de 10 partidos disputados, o porteiro deportivista queda "cun balance bo. Novo sistema, novo adestrador, novos compañeiros. Adaptámonos bastante rápido ao que se nos pedía. Pero para valorar positivamente esta primeira etapa temos que ver o que imos facer despois. Adaptámonos rápido pero temos que seguir crecendo como equipo. Temos unha vantaxe respecto doutros equipos: Temos un gran cadro, moi competitivo e moi equilibrado. Nunha categoría tan longa e con tanta igualdade iso é importante. Temos que seguir crecendo como equipo".

Do conxunto catalán, rival este sábado 27 de outubro en ABANCA-RIAZOR (16:00 horas, LaLiga 1|2|3 TV), Dani indica que "me gusta bastante a proposta que ten. Imos ter que estar moi ben na presión porque é un equipo que é atrevido. Se non facemos as cousas con rigor e intensas, pódennos meter nun aperto". "Encántame o porteiro, pero teñen 3 ou 4 xogadores que se lles deixas crecer co paso dos minutos son perigosos", conclúe.

A nivel persoal, e após ser un dos destacados nos últimos partidos, ampárase en "manter sempre unha regularidade. Ante os halagos hai que deixalos pasar igual que deixas pasar os erros que veñen de cando en vez. Gustaríame que se me valorase a final de temporada. Máis aló de ir semana a semana. O importante é manter unha regularidade e iso é o que vai facer que o equipo vaia para arriba".

É consciente que "de nada che vale facer 10 xornadas boas se na 11 non estás ao nivel. Os porteiros estamos un pouco sinalados cando cometemos un erro. Hai partidos nos que se cadra teño que botar unha man de máis e outras veces fallarei eu e quitarama un compañeiro debaixo da liña, ou me meterán un gol pola miña culpa e o equipo meterá 3".

Após este primeiro tramo ligueiro titular na portería, vese "importante no equipo e estou contento. Estou ben. Fisicamente atópome moi ben. A ilusión desde o primeiro día que asinei mantéñoa intacta. Na miña cabeza teño claro o que quero. Ao final é traballo diario para seguir ben e non durmirse tanto individualmente como equipo. O mesmo que hai igualdade co resto de equipos hai igualdade no cadro. Sempre tes que estar ao teu máximo nivel para poder render".