RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Fede Valverde: "O descenso é unha débeda que temos coa afección"

Fede Valverde subliñou esta tarde na sala de prensa de Abegondo que "foi un ano moi duro. Persoalmente non tiven minutos porque non o merezo, non o merecín para xogar; tratando de mellorar día a día durante semanas. Lamentablemente descendemos e é o máis duro para todos".

Insiste en "non botarlle a culpa a ninguén. Teño que mellorar máis para o meu futuro. Positivas hai moi poucas cousas. Hai que seguir mellorando que me queda moitísimo".

Cre o internacional uruguaio que "se non xogo é que algo estou a facer mal e non estou a convencer ao míster que teño oportunidade para xogar. Mellorar porque algún día terei a posibilidade de xogar".

Precisamente do seu futuro, di que "oxalá me poida quedar pero sabemos que son xogador do Real Madrid e o Real Madrid vai decidir onde teño que ir". "O que pasou (o descenso) é unha débeda coa afección e oxalá me puidese quedar outro ano aquí para chegar a Primeira División", engade.

Non está de acordo en que o equipo tivese demasiada presión: "Tivemos a presión necesaria. Somos un gran equipo que lamentablemente non conseguiu o que queriamos: quedar máis arriba e manternos en Primeira". Por este motivo, sente "desilusión e tristeza máis que nada pola afección".

Nas causas do descenso, refírese o mediocentro deportivista a "erros durante o ano. Tamén tivemos as nosas cousas boas. Non soubemos mantelas".

Co Dépor sen opcións clasificatorias, confesa Valverde que "é duro levantarse todos os días e saber que descendiches. Pero por respecto á afección, hai que vir adestrar duro, quedan 2 partidos e se podemos gañar... Sabemos que descendemos e é unha tristeza, pero sería unha satisfacción chiquita pero menos dá unha pedra para a afección".

Apunta sobre Clarence Seedorf que, "desde que chegou trátame moi ben. Sempre me axudou en todo. Estiven lesionado e todas as mañás achegábaseme para darme consellos, falarme. É algo para destacar".

O sábado 12 de maio (18:30, Bein LaLiga) ante o Villarreal CF no Estadio ABANCA-RIAZOR, espera Fede Valverde "un partido moi difícil. Sabemos que o Villarreal é un gran equipo. Sempre está a loitar polos títulos e seguramente vai vir a buscar unha vitoria. Por respecto á afección máis que nada temos que dalo todo e levarnos un triunfo".