RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Garitano: "Temos postas moitas esperanzas no partido de mañá"

Gaizka Garitano asegurou esta tarde en rolda de prensa en Abegondo que "temos postas moitas esperanzas no partido de mañá", de Copa do Rey ante o Betis (21.00 horas, Bein Sports), correspondente á volta de dezaseisavos de final. "Imos ver se podemos sacar entre todos a eliminatoria adiante", comenta respecto diso.

Cualifica o encontro fronte aos béticos como "unha final. De non gañar, ou de non obter un resultado suficiente para pasar a eliminatoria, quedamos eliminados dunha competición na que queremos seguir".

Subliña por tanto que o Deportivo afronta este choque copeiro "coma se fose un de liga, coa mesma mentalidade. Con ganas de gañar, sabendo que temos un resultado adverso de 1-0. Temos que tentar darlle a volta".

O técnico deportivista insiste en que "para os dous equipos é igual de importante. Non queremos quedar eliminados da Copa. Eles están a facer as cousas moi ben. Será un rival de Primeira División, difícil. Nós confiamos en que en Riazor, na nosa casa, coa nosa xente e as ganas que temos de pasar, podamos facer un bo partido ter unha boa noite".

Lembra que "historicamente aquí conseguíronse cousas moi bonitas na Copa. E estoullo lembrando constantemente aos xogadores. Vivíronse grandes noites de Copa. O Club vive moito deses recordos, deses títulos. Porqué nós non imos chegar lonxe nesta competición?"

A pesar da boa traxectoria e as boas sensacións nos últimos partidos, Garitano rebaixa o nivel de euforia: "Nin antes eramos tan malos nin agora somos tan bos. Temos que ter os pés no chan, temos que seguir mellorando".