RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Hai que puntuar fóra de casa para estar en zonas de máis privilexio", advirte Pepe Mel

Pepe Mel ten claro, e así o expresou hoxe na sala de prensa do Estadio ABANCA-RIAZOR, que "se nós queremos ter unha temporada que de verdade pensamos que podemos facer, non nos podemos dedicar a gañar asiduamente só tres puntos de Riazor. Hai que facer cousas fóra de casa, hai que puntuar fóra de casa para estar en zonas de máis privilexio".

Lembra o adestrador deportivista que "dos últimos tres partidos tivemos dous bos, pero hai que seguir sumando, hai que seguir escalando posicións, hai que seguir facendo as cousas ben".

Nesta liña, mostrouse "orgulloso" do último partido disputado polos xogadores ante o Getafe, "máis aló de resultado que logo terminase como fose. O partido que fixeron sería o mesmo".

Pero advirte que "agora o que hai que facer é prolongar iso no tempo. Non debemos consentirnos nós mesmos non manter iso no tempo. Ao final o que importa é que o Deportivo estea o máis arriba posible".

Cre que o parón ligueiro non chegou en bo momento porque "perdemos xogadores fóra. Algúns os recuperamos onte. Moi difícil preparar o partido con xente fóra e xente lesionada".

Do Eibar, rival mañá domingo en Ipurúa (12:00 horas, Bein LaLiga), recalcou Pepe Mel que "aperta moito, na súa casa é moi forte. Todo o que é balón parado manéxao moi ben. Son xogadores que levan xuntos tempo, o adestrador leva tempo. Non é o mellor sitio para ir tranquilos". Alerta que "se nós imos cunha marcha menos, cun ritmo menor, non temos nada que facer".

Explicou a situación de Lucas, que entrou na lista tras recibir hoxe mesmo a alta médica: "Obviamente hai que ter precaución. Déuselle o alta hoxe. Non deixa de ser un xogador que se o necesitamos ten que estar aí para axudar. É un xogador que marca diferenzas".

Tamén subliñou que a ausencia de Schär na convocatoria é "decisión miña. É un xogador que leva moitos partidos seguidos, vén de estar coa súa selección, non adestrou os dous primeiros días porque viña cargado. Se eu lle pido o esforzo de estar en Ipurúa estaría sen ningunha dúbida. Pero creo que é unha decisión intelixente. Temos tres centrais aptos e ao cento por cento. Persoalmente creo que debería descansar".

Agradeceu publicamente o apoio dos 250 deportivistas que animarán aos seus desde a bancada de Ipurúa: "Esa xente que fai ese esforzo seguro que ao día seguinte traballa. Recoñecerlles o esforzo, darlles as grazas por anticipado e esperemos non decepcionar e que a viaxe de volta sexa alegre para eles".

Valorou a recente renovación de Edu Expósito, hoxe de novo na lista de convocados do primeiro equipo: "Parabéns a Edu. Gañouno. No fútbol ninguén regala nada. Cando un está nun sitio é porque o merece. El está a facer un traballo silencioso xunto a todos os rapaces do Fabril. Están a traballar moi ben. Estenderíame máis, creo que temos un xuvenil detrás que apunta moi boas cousas e que vén poxando forte".

Recalca o adestrador branquiazul que "ese é o camiño a seguir para todos eses equipos que non teñen os poderes adquisitivos que teñen os grandes de Europa. Mañá van estar en Ipurúa coa expedición Francis, Edu. Pero en calquera momento pode haber outros. Iso é unha boa noticia para o Deportivo, para todos os que traballan a canteira e para o futuro".