Infantil A e RC Celta, os dous favoritos, ven as caras na 1ª xornada da Fase polo Título da Liga Galega
O Infantil A, campión do grupo norte da Liga Galega, arranca esta fin de semana a Fase polo Título en Vigo ante o RC Celta, segundo o calendario aprobado pola Federación Galega de Fútbol. Así pois, os dous grandes favoritos ao campionato ven as caras na 1ª xornada.
Ademais do conxunto deportivista, acceden a esta fase definitiva os 7 seguintes clasificados do grupo norte: Bertamiráns FC, ED Xuventude de Oroso, CD Conxo Santiago, CD Calasanz, Ural CF, CD Lugo e Victoria FC de Santiago.
E os 8 primeiros equipos do grupo sur: RC Celta, CD Areosa, ED Val Miñor Nigrán, Pabellón Ourense CF, EF Portero 2000, Pontevedra CF, UD Santa Mariña e Arosa SC.
O formato de competición será o de liga a unha soa volta. Non se tomarán en conta as puntuacións da primeira fase e, por conseguinte, todos os equipos arrancan esta Fase polo Título Galego con 0 puntos.