RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Inxustiza no Carlos Belmonte (1-1)

O Deportivo comezou a súa andaina en LaLiga 1|2|3 2018-2019 cun empate no primeiro dos tres partidos consecutivos fóra de casa debido ás obras no Estadio ABANCA-RIAZOR, nunha vista ao Albacete marcada polo tanto do empate local, que chegou nun penalti inexistente de xeito evidente.

Natxo González, técnico deportivista, contou con tres futbolistas da temporada pasada (Bóveda, Krohn-Dehli e Fede Cartabia) no seu primeiro once en partido oficial. Álex Bergantiños volveu vestirse de branquiazul trala súa cesión ao Sporting e Diego Caballo debutou oficialmente tralo seu salto ao primeiro cadro.

O encontro arrancou con pouco máis dun cuarto de hora de atraso debido a senllos apagamentos, o segundo xusto cando ambos os equipos saltaban ao terreo de xogo xunto ao trío arbitral, provocados pola treboada caída sobre a cidade manchega.

O primeiro remate claro de todo o encontro protagonizouno Quique González. O dianteiro deportivista peiteou en exceso un centro de Diego Caballo, polo que o esférico marchouse pola liña de fondo. Corría o minuto 12.

Desde os primeiros minutos puidéronse ver con claridade os sinais de identidade do Dépor de Natxo González. Os branquiazuis practicamente monopolizaron a posesión, fronte a un Albacete claramente replegado, defendendo en campo propio e tratando de saír ao contragolpe.

No minuto 23, foi novamente Diego Caballo quen levou perigo á portería albaceteña. O lateral esquerdo enganchou coa súa perna mala un rexeite ao bordo da área. O seu potente e envelenado dereitazo atrapouno Tomeu Nadal.

Acto seguido, Bela desperdiciou a mellor ocasión do Albacete até entón, após unha combinación ao primeiro toque de case todos os seus compañeiros. O extremo esquerdo do cadro local rematou fóra un servizo raso ao segundo pau de Acuña, con Dani Giménez practicamente superado.

No minuto 26, Fran García realizou unha arrepiante entrada sobre David Simón. A infracción que o colexiado considerou unicamente como falta era merecedora de, cando menos, cartolina amarela.

Fede Cartabia estrelou o balón no traveseiro no minuto 31. O arxentino estivo a piques de marcar un golazo, nun disparo desde o vértice da área grande, buscando a escuadra contraria. O balón sacou achas do traveseiro.

O Albacete sacudiuse un tanto o dominio herculino no tramo final do primeiro período no que, curiosamente, David Simón viu a primeira cartolina do encontro.

Nada máis comezar o segundo tempo, Fede Cartabia dispuxo doutra boa ocasión. Caro anticipouse ao remate do arxentino, após un fenomenal servizo desde o extremo esquerdo de Diego Caballo, que recollera un balón larguísimo de Dani Giménez. Cinco minutos despois, o propio Cartabia desbordou no extremo dereito e buscou un centro-chute durísimo que por pouco non atopou rematador.

Após un longo tramo de encontro sen apenas accións de perigo, o Dépor adiantouse no marcador no minuto 71. Pedro botou unha falta lateral que rexeitou Tomeu Nadal. O balón caeu ao bordo da área, a pés de Edu Expósito, que abriu á esquerda para Borja Valle, recentemente entrado en lugar de Fede Cartabia. O berciano centrou ao segundo pau, onde atopou a cabeza de Álex Bergantiños. O remate do capitán branquiazul repeleuno o poste dereito da meta manchega. O rexeite foi a parar a pés de Domingos Duarte, que coa súa bota esquerda levou o coiro ao fondo das mallas.

O Dépor deu un paso atrás e o Albacete empezou a colgar balóns á área coruñesa. Nun deles, no minuto 82, Bóveda evitou desde o chan un remate franco de Zozulia, ao bordo da área pequena.

No minuto 84, o colexiado sinalou penalti nunha acción na que David Simón chegou claramente á pelota e Fran García posteriormente tropeza con el. O Albacete aproveitou o agasallo, por medio de Rey Manaj, para igualar a contenda. Aínda por riba, Pizarro Gómez deixou con dez aos deportivistas, ao expulsar a Krohn-Dehli no medio das reclamacións de todo o cadro coruñés.

Natxo González reforzou a zaga para salvar polo menos un punto ante un Albacete crecido e cun xogador máis. Pablo Marí entrou por Quique para pasar a formar unha defensa de cinco xogadores, con tres en mediocampo e Borja Valle só en punta. Deste xeito, o Deportivo conseguiu pechar todas as portas á formación albaceteña, co que o partido chegou á súa conclusión con 1-1.

Albacete Balompé: Tomeu Nadal, Tejero, Arroyo, Caro, Fran García, Eugeni (Mvondo, min. 67), Jon Erice, Febas, Bela (Susaeta, min. 46), Zozulia e Acuña (Manaj, min. 76).

RC Deportivo: Dani Giménez, David Simón, Domingos Duarte, Bóveda, Diego Caballo, Krohn-Dehli, Edu Expósito (Pedro Mosquera, min. 78), Álex Bergantiños, Pedro, Quique (Pablo Marí, min. 87) e Fede Cartabia (Borja Valle, min. 67).

Goles: 0-1 Domingos Duarte (min. 71); 1-1 Manaj, de penalti (min. 85).

Árbitro: Pizarro Gómez (c. madrileño). Expulsou a Krohn-Dehli (min. 85). Cartón amarelo a David Simón (min. 36), Tejero (min. 41), Pedro (min. 55), Diego Caballo (min. 67), Jon Erice (min. 72) e Domingos Duarte (min. 90).

Incidencias: partido correspondente á 1ª xornada de LaLiga 1|2|3 disputado no Estadio Carlos Belmonte ante 5.934 espectadores. O encontro comezou con 16 minutos de atraso debido a senllos apagamentos provocados pola treboada caída sobre a capital manchega.