RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Jaime Sánchez: "Temos unha sorte enorme de estar no Dépor, temos todos os medios"

Jaime Sánchez pasou esta mañá pola sala de prensa de Abegondo na primeira rolda de prensa da semana.

O central deportivista explicou a xogada do gol en propia meta do pasado domingo no Cerro del Espino ante o CF Rayo Majadahonda que supuxo o provisional empate no marcador: "Mala sorte. É un balón que vai moi forte, Lapeña despexa como pode, o balón non colle altura pégame a min e entra. É difícil que entre un balón así. Mala sorte e queda nunha anécdota".

A pesar desta xeira positiva, catro partidos consecutivos gañando incluída a incomparecencia do Extremadura UD a ABANCA-RIAZOR, cre que o Dépor "ten fol dabondo e imos dar moito máis. Estamos na liña positiva e queremos seguir así, gañando partidos e sendo líderes. Temos equipo para iso".

Con tantos futbolistas novos no cadro, Jaime admite que "cando se fai un equipo novo, a metade dos xogadores ou máis novos, ao principio normalmente costa. Non é normal o deste equipo porque desde o primeiro día traballamos para iso e chegamos ao comezo de liga moi compenetrados todos e iso estámolo vendo reflectido no campo e na clasificación".

A clave, para o futbolista andaluz, está "nun pouco todo, xogadores, corpo técnico, corpo médico... Todo o que rodea ao equipo é positivo e cando todo é positivo, vese reflectido. Temos unha sorte enorme de estar no Dépor, temos todos os medios. É unha alegría. Logo #ANOSAFORZA tamén. A afección que temos non a ten ninguén e todo suma".

Empolicado o Dépor todo o máis alto da clasificación do grupo 1º de Primera RFEF con 29 puntos, tres máis que o segundo clasificado, o Real Racing Club, asegura o defensor branquiazul que "o equipo quere ser líder. É verdade que xogar playoff xa é un logro, pero cambia moito o subir directo que xogar un playoff que logo todos sabemos que pode pasar calquera cousa. O noso obxectivo é quedar primeiro e subir mediante o ascenso directo".

Do Athletic Club B, rival este domingo 28 de novembro en ABANCA-RIAZOR (17:00 horas, Footters), Jaime advirte que "cando te enfrontas a un filial non sabes moi ben como van vir. Vén dunha mala xeira, pero ten xogadores de moitísima calidade, por iso están aí nunha canteira como a do Athletic. Imos traballar e a preparar o partido como sempre. E por suposto non queremos relaxarnos contra eles aínda que veñan abaixo. Teñen xogadores de moita calidade e quererán ir escalando posicións e mellorando o seu xogo, mellorando en cada partido. Hai que estar concentrados durante todo o partido e conseguir a vitoria".

Nesta liña, lembra que "nesta categoría todos os rivais son complicados. Aínda que a priori estean abaixo, logo cada partido é un mundo e o Athletic pódenos poñer as cousas moi complicadas. Imos estar concentrados ao cento por cento e como cada partido a tentar gañar e desde hoxe xa traballando para iso".

De regreso a ABANCA-RIAZOR despois da incomparecencia do Extremadura UD, Jaime confesa estar "con moitas ganas de volver ver a #ANOSAFORZA en ABANCA-RIAZOR. É unha alegría poder xogar cada dúas semanas neste estadio, con esta xente. A verdade é que é incrible e temos moitas ganas xa de volver alí".

Por este motivo, desexa que a pandemia de COVID-19 non provoque novas restricións no aforamento de ABANCA-RIAZOR no futuro: "Oxalá que non afecte, que controlemos un pouco os casos porque ao final o primeiro é a saúde. Sería un amolo que houbese restricións en canto ao aforamento porque a nós nos dá a vida ver ABANCA-RIAZOR cheo cada dúas semanas con #ANOSAFORZA".