RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

José Luis Martí: "Non nos queda outra que conseguir os 3 puntos mañá"

José Luis Martí manifestou esta mañá en rolda de prensa que o Deportivo ten que coidar mañá luns 27 de maio en ABANCA-RIAZOR (21:00 horas, Gol e LaLiga 1|2|3 TV) ante o Real Mallorca "esa ansiedade por gañar, esas ganas por demostrar, esas ganas por chegar onde queremos chegar".

Ve ao vestiario con "moitísimas ganas" de que chegue o partido pero pide "paciencia porque nos imos a atopar cun rival moi ben colocado, ben ordenado, que non nos vai permitir moitas cousas".

Precisamente destaca do Mallorca que é un equipo "moi ordenado, moi equilibrado, que se xunta moi ben. Non ten problema de xuntarse preto da súa área con esa liña de 4 (defensas) e os seus 5 centrocampistas. E logo ter un home de referencia que é capaz de aguantar o balón cada vez que o equipo ten que saír. Sae moi rápido con xogadores veloces por fóra capaces de encarar. E logo cando ten o balón ten capacidade para xogar e combinar desde atrás para chegar á portería rival".

Non quere falar de man a man co Cádiz de cara a meterse no playoff de ascenso: "Agora mesmo o man a man é co Mallorca mañá ás nove da noite. Ese é o man a man que temos. Non temos outra cousa na cabeza que non sexa iso. A nós non nos queda outra que conseguir os 3 puntos o luns".

Nesta liña, lembra que o Dépor neste tramo da temporada sempre "tenta arriscar ao máximo, con dous dianteiros; dous xogadores por fóra bastante ofensivos; cun mediocentro, está a xogar agora Edu, de perfil ofensivo. Estamos a xogar con esa mentalidade de perfil ofensivo". Pero Martí advirte que a pesar da situación, "non podemos descompoñernos. Si está claro que a medida que vaia pasando o partido haberá que tomar decisións en función de como vaia transcorrendo o encontro".

Espera a unha afección "que estea connosco como nos demostrou o día de onte, co apoio que fixeron na súa visita a Abegondo, polo agarimo que demostra ao esforzo dos futbolistas. Nós o que podemos facer é recompensarllo co mellor xogo posible e cos 3 puntos".