RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Jose Luis Martí: "Os meus xogadores saben que a dificultade do partido vai ser enorme"

José Luis Martí asegurou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que "os meus xogadores saben que a dificultade do partido vai ser enorme", en referencia á visita do Córdoba CF a ABANCA-RIAZOR, prevista para mañá sábado 8 de xuño (20:30 horas, Movistar Partidazo).

Nesta liña, vaticina un partido "tremendamente complicado. Non esperamos ningunha facilidade, todo o contrario. A partir de aí crendo nas nosas posibilidades, sabendo que debemos impoñernos ao rival, de ser superiores, de conseguir eses 3 puntos".

Preguntado pola euforia que rodea ao equipo, Martí apunta que "hai que ser realistas. E a realidade indica que o Deportivo agora mesmo depende de si mesmo".

Lembra que após xogar o pasado martes en Elxe, "non é o período de recuperación que nos gustaría. Pero son as circunstancias. Adaptámonos a elas canto antes, sabemos que os xogadores chegan máis xustos do habitual. Pero imos suplilo co aspecto moral, coa motivación de poder conseguir o obxectivo de meternos no playoff".

A Quique González, que hoxe realizou parte do adestramento co grupo e parte co readaptador Fran Molano, veo "preparado e disposto. Está con ganas de participar. Mañá no último adestramento veremos se está entre os 18 convocados ou o deixamos fóra e reservamos un pouco".

Cualifica de "secundario" o que suceda nos outros partidos: "Dependemos de nós, dependemos de facer as cousas ben, de gañar o partido. Gustaríanos canto antes, sobre todo neses primeiros minutos, poñernos por diante no marcador para xestionar todos eses minutos".