RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Joselu: "Temos que quedar con todo o bo que fixemos, que foi moitísimo"

Joselu foi o protagonista esta mañá na sala de prensa de Abegondo. Autor de dous goles onte no Estadio Santiago Bernabéu, o ariete deportivista compareceu con moi poucas horas de sono porque, segundo el mesmo desvelou, volveu ver o partido enteiro nada máis chegar a casa, sobre as catro da madrugada: "Chegas tarde dunha viaxe, non podes durmir. Ao final tentas analizar un pouco o que pasou hai unhas horas".

O dianteiro branquiazul subliña que o sucedido onte en Madrid "ten que afectar positivamente. Está claro que é outra derrota pero temos que quedar con todo o bo que fixemos, que foi moitísimo".

Recalca que "desde o primeiro minuto saímos a xogar de ti a ti. Tiñamos enfronte un rival espectacular. Fixémoslle sufrir, fixémoslle dano. Non conseguimos o premio de puntuar. Hai que quedar con todo o bo que fixemos", insistiu.

Por este motivo, o ariete galego cre que "se seguimos xogando así, se seguimos expondo os partidos desa maneira, van chegar moitas vitorias. E é o que necesitamos".

Joselu lamentouse de romper unha boa dinámica despois do triunfo ante a Real Sociedad: "Ao final cruzouse o Real Madrid por diante. Estamos a facer todo o posible para conseguir as vitorias. Estamos a poñerlle as cousas moi difíciles aos rivais. As vitorias van chegar. Estou convencidísimo que o equipo non vai ter problemas en gañar os partidos".

Coa mente xa posta na visita de Osasuna a Riazor o domingo 18 de decembro ás 18.30 (Bein Sports), é consciente que "en casa non podemos deixar escapar máis puntos. O equipo vai tirar para adiante, vai mirar cara adiante".