RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Koke Vegas, novo xogador do Dépor 2019-2020

Jorge Ruiz Ojeda (Antequera, Málaga, 27 de setembro de 1995), máis coñecido como Koke Vegas, é novo xogador do Dépor para a campaña 2019-2020, ao que chega procedente do Levante UD nunha cesión por unha temporada.

Koke Vegas, coñecido por ese nome debido ao segundo apelido do seu pai –Francisco José Ruiz Vegas, porteiro de Málaga, Melilla, Villarreal, Numancia, Alcoyano, Los Boliches e Poli Ejido a finais dos anos 80 e principios dos 90– xa debutou en Primeira División co equipo valenciano, co que ademais logrou o ascenso á máxima categoría na campaña 2016-2017.

Formado na canteira do equipo da súa localidade natal, o Antequera CF, aínda que cun paso polo Sevilla FC, co que disputou o Torneo LaLiga Promises e a Danone International Cup, deu o salto ao profesionalismo no RCD Espanyol, en cuxo equipo B militou dúas temporadas (2013-2014 e 2014-2015). No verán de 2015 asinou co Levante UD, para xogar os dous primeiros cursos coa súa filial –e no segundo deses exercicios, debutar co primeiro equipo– e ir cedido ao Alcoyano na primeira metade da 2017-2018.

Koke incorporarase mañá aos adestramentos do equipo na Cidade Deportiva de Abegondo e será presentado o vindeiro xoves.