RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Lapeña asegura que "soubemos competir" e Álex di que "estamos plenamente vivos"

Adrián Lapeña e Álex Bergantiños pasáronse pola sala de prensa de ABANCA-RIAZOR.

O central rioxano, autor do primeiro gol do partido, comentou en primeiro lugar que recibiu un golpe co xeonllo "e deume unha cambra. Necesitaba tempo para que se me pasase. Non é máis que un golpe", aclarou.

Asegura que o equipo despois deste triunfo "animicamente está ben. Necesitabamos un partido así. Soubemos competir que a estas alturas da temporada é moi importante. O vestiario está con confianza de seguir dando pasiños adiante".

Nesta liña engade que "temos un camiño marcado e o que temos que facer é gañar partidos, sumar de tres en tres e que a confianza aumente. Agora estamos nun tramo da temporada ao que tes que chegar coa confianza moi alta e partidos como este poncha nun nivel moi elevado".

Preguntado pola reunión mantida esta semana en Abegondo cos reitores do Club, Adrián Lapeña afirma que "desde o Club están a transmitirnos confianza. Iso é importante porque axuda moito á confianza dun mesmo. Os xefes transmítennos tranquilidade, confianza e desde esa base temos que sacar os partidos adiante".

Pola súa banda, Álex Bergantiños explica que "estivemos máis fluídos co balón que noutros partidos. A través da segunda acción fixémoslles moito dano con Willi, Juergen, Mario... Estiveron moi ben na primeira parte e puxémonos con ese 2-0 que nos deu tranquilidade".

No entanto, o capitán advirte que o 2-0 é un resultado "enganoso para o que vai gañando. Nunha acción de segunda xogada, de estratexia, fannos o 2-1 e logo tivemos bastante controlado o partido, con posesión para eles. Faltounos unha materia que nos está fallando durante a temporada, que é facer máis dano nas transicións. Eles arriscaban con moita xente por diante e faltounos ser un pouco máis precisos para facer algunha ocasión máis".

Do mesmo xeito que Lapeña, o futbolista coruñés subliña que esta semana o vestiario recibiu "unha mensaxe de apoio, de confianza, de que é un proxecto para toda a temporada e somos os xogadores e o corpo técnico que vai morrer por conseguir o obxectivo. E estamos plenamente vivos. Despois dunha primeira volta tan boa, perder a vantaxe que levabamos é duro. Temos xente nova, que non estivo neste tipo de situacións. Trátase de dar confianza, reactivar a todo o grupo e que esteamos o mellor posible para afrontar este tramo final de competición que nos pode dar o ascenso".

Álex Bergantiños pide centrarse no partido de Lezama do próximo domingo 10 de abril ás 12:00 e "ir o mellor preparados posible. Agora mesmo a vantaxe do Racing é importante. Dependemos deles para poder alcanzarlles. Hai que mirar o partido seguinte, tentar gañar os máximos posibles e se se equivocan moito e podemos chegar mellor e se non preparar o playoff cando toque preparalo. Quedan moitos partidos antes".