RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Lucas: "Unha vitoria faríanos ver a luz ao final do túnel"

Lucas Pérez foi o protagonista esta mañá na sala de prensa do Estadio ABANCA-RIAZOR.

O dianteiro coruñés asegura que o encontro deste sábado 17 de marzo no Estadio ante a UD Las Palmas (13:00 horas, Bein LaLiga), "é contra un rival directo. Iso témolo todos claro, o cadro, o corpo técnico, a Dirección Deportiva, o Presidente e todo o mundo".

Cre que foi "moi importante" para o cadro a visita do Alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, "para saber que el tamén o sofre, víveo, como tamén a gran maioría desta cidade. A xente anímate, apóiate, é algo que vivín desde o primeiro minuto que cheguei aquí".

A nivel persoal confesou estar "decepcionado por como están a ir as cousas tanto a nivel persoal como colectivo. Triste porque tiña postas moitas ilusións nesta temporada para que nos saíse todo redondo ao equipo, a min a nivel persoal tamén. É lóxico que a xente como os meus compañeiros esteamos decepcionados".

Na súa opinión, "as cousas non saen porque a dinámica do equipo non chegou a ir ben en todo o ano. A nivel colectivo non nos saíron as cousas como queriamos. É algo que vén de remolque desde hai tempo e afecta tanto a nivel persoal como dos meus compañeiros. É algo que debemos de remediar para sacar esta situación adiante".

Está moi agradecido "ao agarimo e apoio da xente desde o primeiro día que cheguei. Agora é normal que a xente senta decepcionada comigo. Eu son o primeiro que estou decepcionado comigo mesmo, co meu rendemento. Tamén cara aos meus compañeiros, é algo que estou mal, que tento remediar cada día nos adestramentos, esforzándome e mellorar. Este ano non me saíron ben as cousas".

Confesa que "o que necesitamos eu e os meus compañeiros é unha vitoria. Levamos 3 meses sen lograr unha vitoria e é ansiada por todos nós. O equipo cambia todo cunha vitoria, moralmente, fisicamente é un plus que nos daría para ver unha luz ao final do túnel". "É normal que necesitemos unha vitoria poder seguir traballando como o estamos facendo. Estamos a traballar duro cada día en Abegondo. É o que temos. O cadro necesita esa vitoria por autoestima, para a súa moral, para volver confiar en nós mesmos", engade.

Para gañar o sábado subliña Lucas que "se necesita a mellor versión de cada un e seguir traballando como o estamos facendo".

Explica o '7' deportivista que "desde pequeno me criaron que co traballo, o esforzo, a perseveranza, a constancia é o que che fai conseguir os éxitos. Marcheime de aquí moi novo. Grazas a todo iso levoume a estar onde estou, nesta situación que estou para ben ou para mal. Pero estou moi orgulloso e non vou deixarme de esforzar, de traballar día a día tanto a nivel persoal como para os meus compañeiros e para o Club, que é o da miña cidade, da miña casa".

Preguntado pola afección, sostén que "o alicerce máis importante deste Club non foi nin a súa historia, nin os seus títulos, senón a masa social. É un Club dos poucos do mundo que conseguiu o que conseguiu grazas á súa afección".