RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Mackay destaca que "o equipo respondeu e disputou até o final"; e Miku subliña que o Dépor "nunca deixa de crer"

Ian Mackay e Miku atenderon aos medios de comunicación na zona mixta do Estadio Reino de León.

O meta coruñés destaca en primeiro lugar a #ANOSAFORZA: "Parece que xogamos en #ABANCA-RIAZOR todos os partidos. Conseguimos sacar os tres puntos cando peor pintaba a cousa. O equipo respondeu e disputou até o final. Estamos moi contentos por irnos de vacacións cunha vitoria e levar esa marxe ao segundo clasificado".

A nivel persoal márchase amolado por encaixar os dous goles aínda que "o que me importa é que conseguimos sacar os tres puntos. Isto non vai de persoal, senón de equipo. Felicito aos meus compañeiros, sobre todo a Miku que marcou dous goles".

Apunta Mackay que "merecemos irnos de vacacións no máis alto porque o pelexamos até o final. A gozalo, que todo o mundo o pase coa súa familia como poida por como están as cousas por desgraza. E volver o 27 coas pilas cargadas".

Opina que os números da primeira volta do Dépor "son moi bos. Hai que tentar seguir até o final. Imos desconectar agora para volver coas pilas cargadas e xa pensar na seguinte xornada", o domingo 9 de xaneiro de 2022 en ABANCA-RIAZOR (12:00, Footters) ante o Talavera CF.

Pola súa banda, Miku, de novo decisivo cos seus dous goles, confesou estar "contento porque o equipo se soubo repoñer nun par de ocasións do empate e non perdeu a cara, soubo competir até o final para unha vitoria que nos enche de alegría, de satisfacción, de reforzo moral para irnos de vacacións líderes. Sabendo que até agora o fixemos ben pero falta moita temporada. Temos que seguir nesta dinámica".

Admite sobre a celebración final que "un gol no 90 é máis bonito que en calquera outro minuto. O equipo liberouse desa tensión de estar empatados e de sumar outra vez tres puntos porque os de atrás tamén gañan, tamén fan o seu traballo e nós ao estar nunha posición de privilexio debemos facer o mesmo".

Conta que no gol do triunfo "Héctor filtra un balón a Mario. Durante a semana estivemos a ensaiar iso, cando se chega á liña de fondo ter tranquilidade e buscar a mellor opción. Un centro, un rebote e estar aí na área, vivir esa situación, intuír onde vai caer a pelota. Ao final caeume e puiden facer gol".

Miku queda "co que ten este equipo, que nunca deixa de crer, que todos tentamos dar o máximo até o final e hoxe a balanza decantámola do noso lado".

Finalmente o internacional venezolano cre que "hai que estar contento porque a clasificación di que fixemos as cousas ben. Preto de Nadal, gañamos fóra de ABANCA-RIAZOR, ímonos ao parón nunha posición na que todos os deportivistas queremos estar. É un momento de alegría e hai que gozalo porque cando veñan os malos imos ter que saber sufrir".