RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Mario Soriano afirma na súa presentación que o Dépor "ten a vantaxe de #ANOSAFORZA, ABANCA-RIAZOR, o seu céspede"

Mario Soriano Carreño (Alcalá de Henares, Madrid, 22 de abril de 2002) compareceu esta mañá en Abegondo ante os medios de comunicación por primeira vez desde a súa chegada ao Dépor, cedido polo Atlético de Madrid até final de temporada.

Cumprido o breve posado ante os medios gráficos no campo principal da Cidade Deportiva acompañado polo Presidente Antonio Couceiro, o novo atacante deportivista confesou sentirse nestes primeiros días na Coruña "moi ben. Desde o primeiro día acolléronme moi ben no vestiario, tanto corpo técnico como xogadores. Estou súper contento, moi ben todo e a ver se segue todo así para ter un gran ano".

Confesa que elixiu ao Deportivo porque "é un Club histórico. Desde o primeiro día que mo dixeron non mo pensei". Precisamente a pesar da súa mocidade (naceu no ano 2002), lembra do equipo branquiazul a liga gañada e que "foi sempre un equipo importante na Champions League. Cando estaba en Primeira sempre daba guerra, tanto fóra de casa como en ABANCA-RIAZOR. No estadio sempre todos os equipos grandes pasábano moi mal".

Desvela que o feito de estar Josep Calavera ás ordes de Borja Jiménez axudou na súa decisión final de fichar polo Deportivo: "Lévome súper ben. No Atlético estiven dous anos con el ou ano e medio. Tamén me axudou para vir aquí".

Convocado para o partido en Tudela do pasado domingo aínda que non chegou a saltar ao terreo de xogo, Mario Soriano viu ao equipo "moi ben. Fomos a un campo súper complicado. Competimos moi ben porque ese campo era moi difícil, o céspede non estaba moi ben e neses campos é onde o ascenso pode darse".

Nesta liña, sostén que "hai que saber competir en todos os campos. En ABANCA-RIAZOR imos ter unha vantaxe que é #ANOSAFORZA; o estadio; o céspede, que vai estar sempre moi ben. En Tudela era un gran estadio, pero o céspede non nos favorecía para ter a posesión, o balón, o control do partido. Ao final o balón parado marcou a diferenza e logo soubemos defender ben e competir".

Cre que pode achegar ao grupo "traballo, sacrificio; e a nivel individual intelixencia, moita técnica, habilidade. Vou traballar como todos para achegar o meu graniño de area".

A pesar de non ter minutos co seu novo equipo, asegura estar "moi ben. O outro día non se deu a situación de debutar, pero ao final hai que estar con todos. É normal que non xogase porque o partido era moi difícil, moi competitivo e con moito balón por arriba. Pero ao final estamos aquí para achegar o noso graniño".

Defínese como un xogador de ataque pero "máis interior, non tan arriba. O meu xogo é máis ter a pelota, ter unha posesión longa e ao final recibir entre liñas e dar o último pase, ou abrir a banda e chegar á área".

Mario Soriano ten como meta en ABANCA-RIAZOR "individualmente crecer como xogador. Saio (do Atlético de Madrid) para crecer; e a nivel colectivo o ascenso. É moi importante para o Dépor e vou facer todo o posible para axudar".

Sendo un xogador en formación, Mario ten como espello no mundo do fútbol "a Messi, a moitos futbolistas que tamén son bos no Atlético como Lemar, Joao Félix... E tamén a Iniesta cando estaba a xogar".