RCD / NOVAS
Martí destaca "este ambiente, esta sensación de unidade, de apoio total"
José Luis Martí mostrouse en rolda de prensa "moi orgulloso dos xogadores. Pero é un paso para o obxectivo final. Témolo aí. Recuperar canto antes, preparar as mentes para volver competir despois dos esforzos que se fixeron os últimos días e estar o mércores con este público, con este ambiente, con esta sensación de unidade, de apoio total".
Con experiencia xa neste playoff co CD Tenerife, o técnico deportivista destaca que "é moi fodido, se podo utilizar esa expresión. Os mínimos detalles, as forzas dos equipos despois de 42 xornadas e non afeitos a xogar de mércores a sábado... é difícil. Os xogadores non están preparados. Normalmente non tiveron esa experiencia. É momento para tirar de moita xente, de dar minutos a todo o mundo porque necesitamos xente fresca, xente con capacidade de dar o máximo".
Insiste en que "todo vai ser igualado. Este partido tamén o era, independentemente de que o rival estaba descendido. Temos un hándicap, é que quedamos por detrás. A nós non nos serven os empates. En caso de empate con igualdade de goles, é un hándicap e unha vantaxe para eles".
Pola súa banda, Rafa Navarro, técnico do Córdoba CF, indicou que o seu equipo "deu a cara. Até o gol plantamos cara a un moi bo equipo. Na segunda parte marcaron eles moi pronto e o equipo baixou un pouco. Estou contento da actitude que tiveron os xogadores".