RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Martí, sobre o seu cadro: "Son bos xogadores e vano a demostrar. Hai que confiar neles"

José Luis Martí explicou na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR que leva a 19 futbolistas porque "realizaremos un pequeno exercicio mañá pola mañá. E sempre me gusta ir con esa previsión do que poida suceder". "Hai xogadores que tiveron molestias e incorporáronse durante a semana aos poucos. Mellor ir previdos", conclúe.

O técnico deportivista quere transmitir ao seu cadro a seguinte mensaxe: "Son bos xogadores, vano a demostrar. Hai que confiar neles. Eu confío plenamente neles. E a afección vaino a facer tamén co resultado de cada día e co que todo o mundo queremos, que é conseguir a vitoria".

Do encontro de mañá venres 26 de abril en Soria ante o CD Numancia (21:00 horas, Gol e LaLiga 1|2|3 TV), espera "un partido moi disputado sobre todo en canto á posesión de balón. Dous dos equipos que máis posesión teñen da liga. Un equipo do Numancia que xoga a través diso, a través da combinación, arriscando moito, sendo un equipo moi valente en canto a esa posesión e buscar a través da combinación a portería rival".

Por este motivo, pide ao seu equipo "ser capaces de estar ordenados, de non permitirlles en ningún momento esa circulación de balón. E a partir de aí cada vez que recuperemos o balón aproveitalo, pero sobre todo ter máis posesión que o rival e a través desa posesión tentar buscar a portería, sobre todo xerar ocasións de gol".

Subliña Martí que "a nós nos gustaría xogar co noso público, en ABANCA-RIAZOR, pero é o calendario, é o que toca". "Sabemos que cando volvamos gañar, e cando o público conecte cos xogadores e con todo o Club, e entre todos sexamos capaces de ter esa cohesión, as cousas van ir moitísimo mellor. Todo pasa por gañar, que é o que nos une máis. E iso é o que imos facer en Soria, tentar conseguir os 3 puntos", apostila.

Preguntado polo recente comunicado do Club referente ao Consello de Administración, o adestrador branquiazul apunta que "o único que me preocupa é o meu traballo. O meu traballo é tentar adestrar aos futbolistas, deixarlles as cousas o máis claras posibles, de cal é a nosa filosofía e idea de xogo; prevendo o que nos imos a atopar no día a día e sobre todo o día de partido. E traballar. Temos todas as condicións para iso, co cal seguimos traballando. Non cambia nada para nós senón dedicarnos ao que nos compete, que é tentar gañar cada fin de semana".