RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Mauro Silva terá desde este xoves unha rúa na Coruña

O lendario centrocampista do Real Club Deportivo Mauro Silva terá desde mañá a súa rúa na Coruña. Deste xeito materializarase o acordo tomado en pleno municipal no ano 2005 polo que se concedeu esta distinción ao campión do mundo brasileiro e ao gran capitán da historia branquiazul, Fran González Pérez.

O acto, presidido polo alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, terá lugar o xoves 12 de abril ás 18:00 horas na rúa do barrio de Labañou perpendicular á Avenida de Gran Canaria que, desde ese momento, lucirá o nome do histórico 6 branquiazul, gañador de todos os títulos oficiais que posúe o Real Club Deportivo. Após militar no Dépor entre 1992 e 2005, momento da súa retirada do fútbol e disputando 459 partidos coa elástica branquiazul (terceiro xogador nesta clasificación histórica), Mauro Silva foi elixido por votación popular, con motivo do 110 aniversario do Club, como a lenda máis destacada da historia do Deportivo polos afeccionados herculinos.

Após aterrar esta tarde na Coruña, e visitar o Estadio Abanca-Riazor, desde cuxo céspede quixo enviar un saúdo e unha mensaxe de ánimo a todo o deportivismo, Mauro Silva comparecerá mañá xoves ás 12:00 nunha rolda de prensa convocada no Reitorado da UDC na Maestranza.