RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Mel: "Competimos igual que o equipo máis intenso da liga"

O adestrador deportivista, Pepe Mel, destacou que o equipo estivo "moi intenso", algo "moi complicado" cando enfronte estaba "o Atlético de Madrid, que é o equipo máis intenso da liga española" e celebrou que os seus pupilos competisen "igual que eles".

"Empezamos un pouco dubitativos, non atopabamos o que lles pedín, pero creo que só foron eses primeiros 8 ou 10 minutos", analizou o novo preparador branquiazul.

Preguntado sobre que dixo aos xogadores no centro do campo ao finalizar o partido, Mel afirmou que lles dixo que "viron como si se pode. Tiñan caras de medo o primeiro día pero viron que competindo podes gañar a calquera e que cando compites ao teu máximo nivel non podes reprocharche nada".

"O resultado é inamovible, o da xustiza no fútbol... Podes xogar moi mal e gañar, e xogar moi ben e perder. Pero máis aló de todo, os xogadores están cansos, algún non se pode mover. Vin a participación especial para min de Laure, de Pedro, de Álex... Temos as vimbias para facer as cousas mellores", lembrou Mel.

Sobre o ocorrido con Fernando Torres, o míster branquiazul destacou que "o máis importante é que está ben. Acabo de falar con Germán Burgos e dime que están tranquilos. Contentos porque iso sexa así, porque pasamos uns minutos angustiosos".

Por último, quixo "agradecer á xente" a atmosfera no estadio. "A afección do Dépor é marabillosa e reaccionou moi ben. De aí o do final do partido, díxenlles aos xogadores que o escoitasen".

Pola súa banda, Diego Simeone, técnico do Atlético de Madrid, mostrou a súa preocupación pola lesión de Fernando Torres e recoñeceu que o gol de Andone "magoou" ao seu equipo, nun partido que ao final "o puido gañar e púidoo perder".

Sobre o problema de Fernando Torres, Simeone comunicou que "non sabemos nada oficial, pero si que está consciente e que ten un traumatismo cranioencefálico. Sentín un ruído no banco, non se se foi o pescozo ou que foi".