RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Mel despídese sen reproches e Tino agradécelle "o seu traballo e a súa aposta" polo Dépor

Pepe Mel e Tino Fernández sentaron na sala de prensa do Estadio ABANCA-RIAZOR para atender aos medios de comunicación tras o acordo para que o técnico deixe de ser o máximo responsable do primeiro cadro do RC Deportivo.

O presidente branquiazul deu inicio á rolda de prensa lembrando que "o motivo da comparecencia é despedir como cremos que se merece a Pepe, agradecendo todo o seu traballo e apostar por nós na pasada temporada nun momento complicado". "Tamén queremos agradecer o éxito conseguido o ano pasado, porque se trababa de manternos en Primeira e de saír dunha dinámica complicada", engadiu.

Pepe Mel tamén quixo pronunciar unhas palabras antes da quenda de preguntas. O técnico felicitouse polo respaldo recibido. "É unha alegría cando un se vai dun traballo ver á xente que che rodeou. Foi unha honra poder estar no Deportivo. Fixemos todo o humanamente posible para que as cousas funcionasen, pero isto ao final é un xogo e hai moitas variables que non dependen de ti".

Mel quixo despedirse "da xente, dos socios, dos afeccionados", aos que animou a "que sigan co seu equipo. Como dixen onte aos futbolistas, que apoien a Cristóbal como fixeron comigo".

O adestrador mostrouse "seguro de que o Deportivo confeccionou un bo equipo" e lembrou que "non son persoa de eludir as miñas responsabilidades".

Tamén tivo palabras de agradecemento aos medios de comunicación. "Grazas á prensa, que tivestes un trato bastante bo. Tratastes a miña figura con decoro", afirmou, antes de insistir en que espera "vir aquí como rival e volver recibir o agarimo, como agora. O feito de que estea o consello, xente do club, empregados, aos que tamén quero dar as grazas, significa que non todo o fixen mal".

Pepe Mel respondeu á primeira pregunta para analizar a súa saída do Club que "falamos dun equipo que non está en descenso pero do que todos nós esperabamos máis. Algo non fixemos ben, pero hoxe non é día de facer esa lectura".

"Todo o que diga cando eu xa non estou dentro do Deportivo soa a escusa e a min non me gusta escusarme. Se non o fixen, tíveno que dicir dentro. Agora son un deportivista máis e o que lle desexo a Cristóbal é moitísima sorte. Desexo que o Deportivo quede o máis arriba posible", respondeu a unha nova pregunta sobre os motivos do seu adeus ao banco deportivista.

O preparador madrileño eximiu de culpas a todos os estamentos do Club. "Non teño reproche cara a ninguén máis que cara ao meu corpo técnico e cara a min mesmo", resolveu.

Mel igualmente quixo deixar claro que durante a súa etapa branquiazul "sentinme a gusto coas persoas que me rodean, sentinme a gusto na cidade e sentinme a gusto no Club".

Tino Fernández foi cuestionado sobre a elección de Cristóbal Parralo como novo técnico do primeiro equipo. "Das opcións que nos expomos era a mellor", respondeu.

O presidente deportivista tamén foi preguntado pola falta de continuidade no banco desde a súa chegada á presidencia a principios de 2014. "Las Palmas, que vén mañá aquí, tamén tivo seis adestradores neste mesmo tempo. E vén con Pako Ayestarán, que antes estivo na Valencia, que tivo sete. Oxalá atopemos ao que se poida quedar e estea moitos anos. O que sucede non nos gusta. Pero se as cousas non funcionan, teremos que seguir facéndoo", argumentou.

Pepe Mel tamén quixo deixar claro que entende a decisión do Club porque "sería irresponsable por parte do presidente e os conselleiros non tomar as medidas que eles cren que son as mellores", mentres Tino lembrou que ao adestrador "sempre o apoiamos totalmente, dixémolo en reiteradas ocasións" e instou "a todos a dar un paso adiante, porque o movemento que está a facer o Club como organización é outro que pelexar o descenso, e iso non é un discurso só para o adestrador e os xogadores, porque todos formamos parte da solución".