RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Muntari: "O Dépor ten ADN de ser un gran Club, un histórico"

Un campión de Europa, Sulley Muntari, pasouse esta mañá pola sala de prensa da Cidade Deportiva de Abegondo.

Apuntou estar moi feliz nesta nova etapa na súa carreira deportiva: "A liga é unha das mellores ligas do mundo. O estadio é fantástico, é un dos clubs históricos. Todo o mundo coñece ao Dépor. Faime moita ilusión xogar aquí".

É máis, recalca o internacional ganés que "a cidade é preciosa, é tranquila, é limpa. A xente é guay".

Após disputar os seus primeiros minutos de xogo, poucas horas despois de completarse a súa documentación, agradeceu a confianza de Clarence Seedorf: "Desde que cheguei recibíronme moi ben, tanto compañeiros como traballadores, o equipo médico e o corpo técnico. Moi contento de estar aquí".

Despois de varios meses sen competir, Muntari explica que non ten un prazo de tempo para alcanzar o seu óptimo estado de forma, "está todo na mente. O importante é xogar xuntos, estar unidos. Estou listo e preparado para xogar en calquera momento que se me necesite porque estamos nun momento no que hai que sobrevivir. Isto non é unha situación, vémolo como un momento".

Preguntado pola posibilidade de ser titular, sostén que iso "depende do adestrador, do que el queira. Eu adestro ao cento por cento duramente toda a semana para axudar ao equipo. Non vin aquí para ser un espectador máis".

Explica a súa chegada ao Dépor: "Penso que o meu nome chegou ao Club, e cando o viu o adestrador foi o que dixo que me trouxesen. Pero quería ver como estaba. A verdade é que cando mo dixeron, non mo pensei dúas veces. Vin".

Do Club, apunta Muntari que "unha vez que chego aquí e vexo os xogadores, que son incribles... Isto é un momento, non é unha situación e creo que imos saír de aí".

Confesou ter máis opcións ademais da do Deportivo, pero decantouse pola Coruña porque "estivo en Champions, ten ese ADN de ser un gran Club. É un histórico.Ten esa mentalidade gañadora. É un equipo incrible e como dixen antes, isto é un momento. Elixir a este Club foi fácil para min. Ademais tiña un ex adestrador aquí".

Non quere pensar o seu futuro máis aló do que resta desta temporada. Está convencido que "non imos descender. Imos dedicar todas as nosas forzas para manternos en Primeira e o que ocorra logo, xa se falará despois".

Di de Seedorf, co que coincidiu como compañeiro no céspede e logo xa como técnico, que "é incrible, unha inspiración telo como compañeiro. Agora é o mesmo, só que non está no campo. Dime as mesmas cousas que cando era xogador".

Aprecia agora no técnico holandés que "madurou moito. Acababa de ser xogador e aínda pensaba como xogador. Gañou experiencia nos últimos anos, agora está máis tranquilo, fala cos xogadores individualmente para meterse nas súas cabezas, para sacarlles o mellor".