RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor ABANCA abre o pano cun monólogo de fútbol (4-0)

O Dépor ABANCA debutaba na temporada oficial e na Cidade Deportiva de Abegondo coas expectativas sen resolver de como se atopaba o equipo após unha boa pretemporada, o rival, o terreo de xogo... moitas novidades e incertezas que quedaron pronto despexadas polo xogo despregado polo equipo de Irene Ferreras desde o arranque.

O primeiro tempo foi un monólogo absoluto das branquiazuis, con posesión constante e chegadas continuas por ambas as bandas, especialmente pola dereita, xerando moitas situacións de perigo. Após varias aproximacións, a primeira clara tívoa Eva Dios nun man a man e gran intervención de Ana de Murga para evitar a estrea goleadora da temporada. A seguinte chegou nun centro de Marta Charle con remate desviado de Carlota Suárez. O mesmo remate, pero polo outro lado da portería, protagonizouno Inés Altamira á saída dun córner. Tamén desviado por pouco foise o de Carlota após unha carreira imposible até liña de fondo de Ainhoa que salvou para servir. O remate saíu a córner contra o lateral da rede. Marta pola esquerda tamén tivo a súa a servizo de Carlota Suárez desde a dereita. Foron as máis claras, pero houbo moitas outras chegadas e saques de esquina que non se materializaron e que parecían abocar ás táboas ao descanso.

Ata que chegou a capitá Cris Martínez para desatascar a falta de puntaría entre os paus, anotando cun forte e axustado disparo desde a frontal da área. Unha forma inmellorable de empezar a temporada para a única xogadora que está no equipo desde a creación do Dépor ABANCA. É o terceiro gol de Cris no seu partido 143 (marca absoluta por diante dos 117 de Gaby e 107 de Iris) no inicio da súa 7ª temporada no equipo. O 16 de outubro de 2016, Sárdoma 1-5 Dépor ABANCA, anotara o seu anterior gol.

Se ben acabou o primeiro tempo, mellor non puido empezar o segundo con outro disparo desde a frontal de Marta Charle. Dous golazos para estrear ambas as porterías. De novo tívoa clarísima de Charle no 58 despois da pelexa de Ainhoa Marín dentro da área. O seu disparo raso foi rexeitado co pé por Ana de Murga. Nunha xogada moi similar a que non perdoou foi Eva Dios ao optar por buscar a parte alta da portería en lugar do disparo raso, pondo o terceiro gol no marcador de Abegondo.

A partir de aí empezaron os movementos de banco e o partido cambiou levemente a súa fisonomía, aínda que o dominio continuou sendo deportivista.

Millene de cabeza a centro de Laura, que non parou de xerar perigo e mobilidade na zona de ataque, puxo o cuarto e definitivo, que puido ser un máis após un disparo a escasos centímetros do pau da propia Laura.

Con bo xogo, boas sensacións, bo resultado e fronte a un rival do que se esperaba máis pola súa condición de recentemente descendido, o Dépor ABANCA pechou a función do estrea en liga esta temporada. Agora espera a Copa o mércores, de novo en Abegondo, a partir das 16:30 h. contra o CD Parquesol.

Dépor ABANCA: Lucía, Cris Martínez (Patri López, min. 77), Inés Altamira, Raquel García, Samara (Monteagudo, min. 77), Henar, Paula Gutiérrez, Ainhoa Marín, Eva Dios (Noela, min. 66), Charle (Millene, min. 66) e Carlota Suárez (Laura Fernández, min. 62).

Rayo Vallecano: Ana de Murga, Irene Rodríguez, Laura Teruel, Ari Rovirola (Anita, min. 57), Simona, Iris, Moni, Miriam Valladolid, Claudia Cabezas (Rosi, min. 81), Irene Osorio (Alba, min. 81) e Sheri (Bruna Tavares, min. 61).

Goles: 1-0 Cris Martínez (min. 44); 2-0 Charle (min. 50); 3-0 Eva Dios (min. 60); Millene (min. 84)

Árbitra: Aguilera Manzano (c. Valenciano). Amoestou a Moni (min. 59), Eva Dios (min. 62), Samara (min. 74) e Bruna (min. 76).

Incidencias: partido da 1ª xornada de Primeira Federación FutFem disputado na Cidade Deportiva de Abegondo ante uns 500 espectadores.