RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor ABANCA queda a un gol de evitar o playout (2-2)

O Deportivo ABANCA deberá xogarse a súa continuidade na segunda categoría do fútbol nacional no playout, despois empatar esta tarde ante o Atlético de Madrid B, nun partido no que as visitantes se adiantaron por dúas ocasións, e non sacar proveito da vitoria do Zaragoza CFF fronte ao FC Barcelona B.

Comezou da peor maneira o partido para as pupilas de Miguel Llorente, que viron como o filial branquivermello se adiantaba no marcador aos 5 minutos, por medio de Reyes Moreno. As noticias aínda puideron ser peores dous minutos máis tarde, cando Raquel García sacou baixo paus un man a man de Alexia Fernández, que coara o seu disparo entre as pernas de Ana Valles.

Un disparo de Ainhoa Marín desde fóra da área, desviado á esquerda da portería visitante, foi o primeiro achegamento coruñés. Corría o minuto 11. O cadro madrileño respondeu no 18 por medio de Alexia Fernández, que recibiu un balón en profundidade pola dereita e o seu disparo perdeuse excesivamente cruzado.

Mediada a primeira metade, Laura Fernández e Paula Gutiérrez polo Dépor ABANCA, e Isabel Pala por parte do Atlético B, probárono de lonxe, coa mesma fortuna, balón lonxe do marco contrario.

A poucos minutos do descanso, as deportivistas igualaron a contenda. No minuto 38, Inés Altamira cabeceou maxestuosamente ao fondo das mallas un córner botado ao segundo pau por Paula Gutiérrez. A piques de chegar o asubío final, unha falta colgada polo Dépor ABANCA foi rematada dúas veces, primeiro María Ruiz de cabeza e despois nun dereitazo mordido de Raquel García, sen éxito.

Na segunda metade, o Dépor ABANCA sacudiuse os nervios con que arrancara o encontro. María Ruiz disparou cruzado e raso no minuto 49, pero Alba de Isidro atrapou o coiro con seguridade.

O Dépor ABANCA dominaba con maior claridade pero custáballe chegar á área colchoneira. As branquivermellas, con todo, atoparon o gol mediado o segundo acto após unha rápida saída á contra. A acción foi freada en falta por Raquel García, que viu o cartón amarelo. A falta directa lanzouna Isabel Pala coa súa zurda moi preto do recanto, pero Ana Valles estivo veloz para sacar a man e desviar o esférico a córner. No mesmo saque de esquina, a propia Isabel Pala introduciu na portería coruñesa o seu envío directo para adiantar de novo ao Atlético B.

A partir de entón, o encontro foi un monólogo. No minuto 71, un canonazo de María Ruiz rebotou nunha defensa e envelenouse, pero a porteira visitante volveu mostrarse moi segura para facerse coa pelota. A propia dianteira andaluza sacou un potente tiro, moi preto do pau esquerdo da meta contraria no minuto 78. No 80, Paula Gutiérrez rematou desde a media lúa despois de deixada de Laura Fernández. Alba de Isidro volveu quedar o coiro.

Cando chegaban as noticias de que o Zaragoza CFF remontara o tanto inicial do FC Barcelona B, xa en tempo engadido en Abegondo, Inés Altamira, xa desde facía intre situada como dianteira, reestableceu a igualada cunha nova cabezada após un centro desde a esquerda do ataque herculino.

Practicamente non houbo tempo para máis, o que deixou ao Dépor ABANCA a un gol do obxectivo de evitar o playout. Cos resultados desta xornada, Dépor ABANCA e Barça B empatan a diferencia de goles particular (vitorias locais por 2-1 en ambos os partidos) e a xeneral (+20 cada equipo) polo que o seguinte criterio, os goles marcados, deixan por diante na táboa ao filial azulgrana, que anotou 52 tantos por 49 das coruñesas.

Deportivo ABANCA: Ana Valles, Cris Martínez (Patri López, min. 84), Inés Altamira, Raquel García (María Figueroa, min. 84), Eva Dios (Goretti, min. 75), Carlota, Paula Gutiérrez, Ainhoa Marín (Adule, min. 84), María Ruiz, Laura Fernández e Aroa Guerra (Vika Hiryn, min. 54).

Club Atlético de Madrid B: Alba de Isidro, Sara García, Yolanda Sierra, Alba Zafra (Laura Teruel, min. 76), Claudia Sánchez (Claudia Domínguez, min. 81), Isabel Pala (Alicia de la Cuerda, min. 81), Reyes Moreno, Miriam Valladolid (Esther García, min. 63), Laura Tanarro, Alexia Fernández e Laura Rodríguez (Laura Aguado, min. 76).

Goles: 0-1 Reyes Moreno (min. 5); 1-1 Inés Altamira (min. 38); 1-2 Isabel Pala (min. 68).

Árbitro: Adrián García Rodríguez (c. galego). Expulsou por segunda amarela a Esther García (min. 88) e con vermella directa ao preparador físico visitante César Jiménez (min. 88). Cartón amarelo a Alba Zafra (min. 43), Carlota (min. 59), Raquel García (min. 65), Esther García (min. 75) e Alexia Fernández (min. 88).

Incidencias: partido da 30ª xornada do grupo Norte de Reto Iberdrola disputado no campo 3 de Abegondo.