RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor, centrado xa na Promoción, pecha a temporada regular con derrota (0-1)

O Deportivo, cos deberes clasificatorios feitos, e o Unionistas de Salamanca, que apuraba as súas últimas opcións de meterse en promoción, enfrontábanse para pechar a temporada regular con diferente perspectiva para afrontar o encontro.

Por iso Borja Jiménez apostou por reservar a xogadores apercibidos e con máis carga de minutos pensando xa na semifinal da Promoción de Ascenso de dentro de exactamente unha semana.

A intensidade de ambos os equipos foi parella durante boa parte do partido, pero o Unionistas si que mostrou a necesidade que tiña de marcar para gañar o partido á espera do que sucedese noutros campos.

A primeira ocasión foi local, cun pase en profundidade de Bergantiños para Doncel e o centro perigos deste interceptado pola defensa cando Mario Soriano se preparaba a rematar. Si o puido facer Doncel, pero alto de volea, nun balón colgado desde o outro costado do campo por Diego Aguirre.

A resposta de Unionista chegou nunha combinación dentro da área que nin Cris Montes nin Manu Sánchez foron capaces de rematar en condicións cando xa pisaban a frontal da área pequena de Pablo Brea.

Camiño do 30 Doncel coa zurda tentouno desde fóra da área, pero o seu disparo atallouno tirándose abaixo Salva. E xusto á media hora chegou a primeira clara para o Dépor co remate de cabeza de Mario Soriano que sacou a dúas mans o gardameta visitante. Superado o 40 un balón de costado a costado centrado por Aguirre non o puido rematar Noel, como tampouco o de Doncel cara a Soriano

No 45 Unionistas tivo a máis clara do primeiro tempo cun disparo desde a frontal de Espina que se estrelou no pau. Quedou co rexeite De Miguel que obrigou a unha estirada abaixo de Pablo Brea para evitar o gol visitante. Aínda que a última antes do descanso foi branquiazul cun pase de Soriano para Granero que o hoxe centrocampista deportivista enviou alto coa colaboración da zaga charra.

A segunda metade tivo moita menos historia que a primeira, con tímidas chegadas en ambas as áreas e dúas ocasións claras, unha para cada equipo. A oportunidade salmantina chegou nunha falta ben situada pero que se lle marchou alta a Espina.

Soriano ao pau no minuto 62 dispuxo da gran oportunidade Deportivista para adiantarse no marcador, pero iso logrouno o Unionistas por mediación dun ex xogador do Dépor. Rayco, recentemente ingresado no terreo de xogo, recibiu un pase en profundidade para encarar a Pablo Brea e bater sen oposición ao gardameta coruñés.

A partir de aí o Unionistas soubo conter as acometidas do Deportivo, coa súa afección e banco máis pendentes do que pasaba en Logroño que en ABANCA-RIAZOR. O Deportivismo tamén esperaba coñecer como acababa o grupo II para ter o nome do rival que visitará Galicia, finalmente o Linares, dentro de exactamente unha semana para o primeiro paso do gran desafío branquiazul, a semifinal da Promoción de Ascenso.

RC Deportivo: Pablo Brea, Doncel, Lapeña (Yeremay, min. 46), Trigueros, Aguirre, Calavera, Álex Bergantiños (Brais Val, min. 73), Borja Granero, Álvaro Rey (Villares, min. 63), Noel e Mario Soriano.

Unionistas de Salamanca CF: Salva, Ramiro, Acosta, Piña, Cris Montes (Edu Cortina, min. 80), Mandi (Héctor Nespral, min. 62), Salinas, Íñigo (Rayco, min. 62), Manu Sánchez (Jorge Mier, min. 46), Espina (De la Nava, min. 72) e De Miguel.

Goles: 0-1 Rayco (min. 68).

Árbitro: Ávalos Martos (c. catalán). Amoestou a Manu Sánchez (min. 18) e Trigueros (min. 49).

Incidencias: partido da 38ª xornada de Primeira RFEF disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 8.272 espectadores.