RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor cre e non se rende (3-2)

Nin os postes. Nin os goles en propia meta. Nin un rival que empata por segunda vez só tres minutos despois de adiantarse. Nada puido esta noite cun Dépor que superou unha adversidade após outra para derrotar a un Málaga xa fóra da carreira pola permanencia após este resultado.

Clarence Seedorf, técnico branquiazul, mantivo practicamente na súa totalidade o once inicial que mereceu sacar tallada do Wanda Metropolitano o pasado domingo. O preparador holandés realizou un único cambio, por obrigación. Luisinho, sancionado por acumulación de amoestacións, deixou o seu sitio no lateral esquerdo a Fernando Navarro.

O Málaga saíu con forza e gozou dunha primeira oportunidade nos pés de Diego Rolan. O dianteiro uruguaio tivo dúas ocasións de rematar á portería de Rubén en boa posición. Na primeira, Sidnei rexeitou lanzándose ao chan. Na segunda, o seu disparo centrado capturouno con facilidade o meta deportivista.

No minuto 5, o Dépor gozou dunha grandísima ocasión para adiantarse no marcador. E fíxoo. Luís Hernández cometeu un grave erro nun balón longo da zaga branquiazul. O central visitante deu as costas ao esférico e amorteceuno coa mesma, o que deixou o coiro en pés de Lucas. O '7' coruñés internouse na área, con vantaxe, polo que o propio Luís Hernández non tivo máis remedio que trabalo. O penalti transformouno o propio Lucas enganando a Roberto. Era o quinto tanto do dianteiro branquiazul na presente campaña.

Non ocorreu nada durante un bo tramo de encontro. O Dépor acazapouse, deixouse dominar para protexer a súa vantaxe e defendeu ben, esperando unha contra que nunca chegou. O Málaga tivo a pelota pero con escasa profundidade, aínda que si foi capaz de forzar numerosos saques de esquina. E foi precisamente nun deles, no minuto 41, cando atopou o empate. Ignasi Miquel peiteou o balón lanzado desde a esquina esquerda do ataque malacitano e Guilherme, no seu intento de evitar que Diego Rolan empuxase a pracer, introduciu o balón na súa propia portería.

Nada máis comezar a segunda parte, o Dépor tivo unha clara ocasión para adiantarse de novo no marcador. Emre Çolak botou unha falta en mediocampo cara ao extremo esquerdo, onde cabeceou Albentosa para devolver o coiro cara ao punto de penalti. Alí, Lucas empalmó unha volea que Roberto, nunha gran intervención, despexou in extremis a saque de esquina.

Recentemente superado o cuarto de hora da segunda metade, Adrián tivo unha nova ocasión clara. Albentosa buscou a cabeza de Pedro Mosquera, este peiteou para Lucas que, dándose a media volta, ao primeiro toque e a media altura, atopou o desmarque de Adrián. O capitán deportivista quedou só ante Roberto, pero rematou frouxo, contra o corpo do porteiro malacitano.

No minuto 66, a fortuna aliouse co Málaga. Guilherme roubou a pelota a Mehdi Lacen preto da área. Inmediatamente, o brasileiro soltou un lategazo que rozou en Ignasi Miquel. Con Roberto facendo a estatua, o pau dereito da portería visitante repeleu o esférico.

O dominio e maior chegada do Deportivo na segunda metade quedou plasmado no marcador cando se cumpría o minuto 70. Unha xogada elaborada desde atrás, após unha recuperación de Sidnei, pasou por pés de Rubén, Juanfran, Guilherme e Emre Çolak, que conectou en longo, cara ao extremo esquerdo, con Pedro Mosquera. O centro raso do mediocentro coruñés, cara ao bordo da área, atopou a chegada desde atrás de Adrián, que esta vez conectou un remate contundente, inalcanzable para Roberto.

A alegría apenas durou, pois no minuto 73 volveu empatar o Málaga. Un centro de Samu García desde a dereita remachouno Diego Rolan anticipándose no primeiro pau, batendo a Rubén cun remate cruzado.

O Deportivo non veu abaixo e respondeu rápido nun contrataque que culminou Lucas cun remate contra a cara dun Luís Hernández que se lanzaba á desesperada para evitar o gol. Pouco despois, foi Juanfran o que o tentou cun disparo colocado, buscando a escuadra máis afastada. A pelota marchouse alta por escasos centímetros.

O Málaga tampouco se rendeu. No minuto 82, a madeira aliouse nesta ocasión co Dépor. Youssef En-Nesyri estrelou unha potente cabezada no traveseiro, a centro de Roberto Rosales.

Unha recuperación de Borja Valle, no minuto 85, provocou un contragolpe claro para o Dépor. En tres contra dous, conduciu e buscou en profundidade a Lucas, que tivo que frearse e viu como Miquel roubáballe o esférico no momento en que ía rematar.

De inmediato volveu aparecer Borja Valle, esta vez para ser determinante. O berciano gañou unha carreira pola dereita ao seu marcador, recortou á entrada da área, buscou por baixo o desmarque cara á frontal de Adrián e, outra vez o capitán deportivista, superaba a Roberto cun disparo cruzado, inalcanzable para o gardameta do Málaga. Cos dous tantos de hoxe, o dianteiro asturiano iguala a Florin Andone como máximo goleador do equipo, con 7 dianas.

O 3-2, esta vez si, resultou definitivo. A pesar de que o Málaga acariñou de novo o gol, nunha falta que se perdeu pola liña de fondo após pasearse pola área sen que ninguén tocase o coiro, o Dépor volveu achegarse con perigo en senllas accións de Adrián e xogou co cronómetro para escoitar canto antes o asubío final.

Con esta vitoria, o Deportivo rompe a súa serie sen gañar e recupera o pulso na loita pola permanencia, á espera do que suceda o domingo ao mediodía no encontro entre os seus dous rivais directos: Levante e Las Palmas.

RC Deportivo: Rubén, Juanfran, Albentosa, Sidnei, Fernando Navarro, Guilherme, Pedro Mosquera (Borja Valle, min. 80), Muntari (Borges, min. 46), Emre Çolak (Andone, min. 87), Lucas e Adrián.

Málaga CF: Roberto, Rosales, Luís Hernández, Miquel, Miguel Torres, Success (Samu García, min. 56), Iturra, Lacen (Adrián González, min. 68), Chory Castro (Borja Bastón, min. 79), Rolan e En-Nesyri.

Goles: 1-0 Lucas, de penalti (min. 6); 1-1 Guilherme, en propia meta (min. 41); 2-1 Adrián (min. 70); 2-2 Rolan (min. 73); 3-2 Adrián (min. 85).

Árbitro: Mateu Lahoz (c. valenciano). Cartón amarelo a Miquel (min. 16), Muntari (min. 34), Luís Hernández (min. 43), Guilherme (min. 48), Emre Çolak (min. 51), Miguel Torres (min. 52) e Rubén (min. 90).

Incidencias: partido da 31ª xornada de LaLiga disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 17.058 espectadores. As campioas de Europa de Rugby do CRAT Marta Carmona (Arahal), Mónica Castelo (Mona) e Laura Delgado (Bimba), coas olímpicas en Río de Janeiro Vanesa Rial e Paula Medín (Alevín), realizaron o saque de honra.