RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL

O Dépor enfócase en Abegondo "no que nós podemos facer ben"

Despois da xornada de descanso de onte martes, o Dépor pon xa os cinco sentidos no partido de volta da semifinal do playoff de ascenso, o vindeiro domingo 11 de xuño ás 18:00 en Castalia.

Jaime, esta mesma mañá na sala de prensa da Cidade Deportiva, e tralo 1-0 da ida en ABANCA-RIAZOR, pide "centrarnos no que nós podemos facer ben".

É consciente o defensor andaluz que "o CD Castellón ten un gran equipo e hai que valorar os seus puntos fortes e débiles".

No entanto, valora "centrarnos no que podemos facer nós, que é o máis importante. Se facemos un bo partido non quere dicir que vaiamos gañar si ou si pero estaremos moito máis preto seguro".

Para iso, Rubén de la Barrera dispuxo esta chuviosa mañá, após un quecemento con rondos, dunha serie de exercicios tácticos xa enfocados cara ao choque da fin de semana entre os campos 2 e 3 da instalación branquiazul.

A única ausencia no campo foi Quiles, que segue co seu plan de recuperación supervisado polo readaptador Alejandro Canosa. Pola súa banda, Mella foi o representante de #ANOSACANTEIRA.

Mañá xoves, o Dépor realizará a partir das 10:30 en ABANCA-RIAZOR a primeira das dúas sesións previstas esta semana (a outra será o sábado 10 de abril) en #ANOSACASA.