De novo outro equipo con todo en xogo crúzase no camiño dun Dépor xa co obxectivo cumprido, o da permanencia en LaLiga Hypermotion, hai varias semanas.
Se hai 15 días era o Sporting de Gijón no Molinón o que se xogaba a permanencia e fai 7 o Granada CF en ABANCA-RIAZOR a súa clasificación para o play off de ascenso, mañá domingo 25 de maio ás 18:30 (LaLiga TV Hypermotion) na Romareda o Real Zaragoza quere certificar a súa continuidade na categoría no seu man a man co CD Eldense.
O partido ademais pasará á historia do fútbol español posto que será o último neste estadio antes de ser demolido.
En rolda de prensa onte venres en Abegondo, Óscar Gilsanz apunta por conseguinte que o choque ten "unha carga emocional sobre todo para o afeccionado do Real Zaragoza. E para nós estar nese escenario nese último partido vai quedar aí para sempre".
Os resultados da última xornada deixaron a Os Nosos en 13ª posición con 53 puntos.
O técnico deportivista lembrou que desde o partido ante o Albacete Balompié "estamos a xogar con equipos que teñen marcado o partido ante nós: recibimento ao Sporting sabendo que podía ser o da salvación, o outro día o Granada CF co cambio de adestrador nunha partido clave para eles, falaban os medios de Zaragoza de 'partido do século' para eles pola posibilidade de certificar a salvación despois duns momentos moi complicados, e para a semana que vén co Elche CF (en ABANCA-RIAZOR) que se xoga o ascenso".
Os case 800 quilómetros que separan por estrada A Coruña de Zaragoza obrigaron ao Dépor a modificar a súa rutina prepartido.
O equipo emprendeu viaxe á primeira hora da mañá de Abegondo e adestrouse ás 18:30 xa na Cidade Deportiva do Real Zaragoza.
Son baixa para o encontro os lesionados Mella, Ximo Navarro, Jose Ángel, Eddahchouri, Hugo Rama e Dani Barcia; ademais de Barbero, sancionado pola súa expulsión da pasada fin de semana.
"As decisións que se toman van ser para tratar de competir cos mellores xogadores posibles para este partido", manifestou o preparador branquiazul.
O corpo técnico dispuxo unha activación con xogos e rondos, e fútbol reducido despois de case 9 horas de autocar.
No partido da primeira volta, disputado o pasado 8 de decembro de 2024 (19ª xornada) houbo empate a un gol. Adiantou Mario Soriano aos branquiazuis aos poucos minutos e empataron os aragoneses no desconto.
Óscar Gilsanz lembra que "o Zaragoza viña de postos de play off. Foi mellor que nós. Empatáronnos no último minuto pero foi un partido no que nos vimos superados. Ese día viuse un equipo que estaba a pelexar por seguir arriba e outro como nós que estabamos a tentar encadear unha serie de resultados que nos fixese afastarnos dos postos de abaixo. E agora, case a final de temporada, estamos nunha situación moi diferente".
En campo esta temporada os zaragocistas gañaron ao Elche CF (3-0), Levante UD (2-1), Granada CF (2-1), Racing de Ferrol (1-0), CD Mirandés (1-0) e FC Cartagena (3-2); empataron co Málaga CF (0-0), CD Tenerife (2-2), Cádiz CF (0-0), Sporting de Gijón (1-1), Córdoba CF (1-1), SD Eibar (2-2) e SD Huesca (1-1); e caeron co Real Racing Club (2-3), UD Almería (1-2), CD Castellón (1-2), Albacete Balompié (0-1), Real Oviedo (2-3), Burgos CF (0-1) e CD Eldense (2-4).
Conscientes da importancia do encontro, a afección maña mobilízase. Acompañará ao equipo na súa chegada ao estadio e "pide entrar 30 minutos antes, levantar a cartolina á saída dos xogadores, báixala cando indiquen os responsables e deixar a voz".
O seu técnico, Gaby, asegurou en rolda de prensa que "máis aló da carga emocional que teremos polo partido que é, polo que significa, levamos traballando dous meses para conseguir unha salvación matemática e o domingo temos a primeira oportunidade ante a nosa xente".
Vaticina o "mellor ambiente de todo o ano. Esperemos despedilo como se merece".
Subliña que os xogadores "saben o que nos xogamos o domingo. O equipo está a dalo todo e ante iso non lle podemos pedir nada máis".
Finalizado o encontro, Os Nosos emprenderán viaxe de regreso por estrada, con chegada á Coruña cara ás 7 da mañá do luns.
Óscar Gilsanz concedeu día libre o martes. Así pois, o próximo adestramento do Dépor será o mércores 28 de maio a partir das 11:00 en Abegondo.