RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

O Deportivo, a "competir con todo" este martes 16 ás 19:00 en Copa en ABANCA-RIAZOR ante un RCD Mallorca que vén tamén "con todo"

Menos de 72 horas do último partido de liga ante a Real Sociedad B, o Deportivo enfróntase ao RCD Mallorca nos dezaseisavos de final da Copa del Rey, a partido único, este martes 16 de decembro ás 19:00 (Movistar +) en ABANCA-RIAZOR.

Ante os baleares Os Nosos vólvense a enfrontar en competición oficial a un equipo de Primera División desde o 20 de maio de 2017, no que o rival foi a UD Las Palmas en ABANCA-RIAZOR.

Nesta edición de Copa o Dépor apeou en primeira rolda ao UD Sámano de Segunda Federación (1-4) e ao CE Sabadell FC de Primera Federación (0-2).

Estes dous partidos supuxeron ademais o debut de até 5 canteiráns en partido oficial co primeiro equipo: Pablo García e Fabi en Castro Urdiales; e Samu, Damián Canedo e Bil na Nova Creu Alta.

Antonio Hidalgo subliña que "o rival é importante, vén a casa. Imos competir con todo".

O técnico deportivista fala de "máxima ilusión. Gañámonos o dereito de traer un equipo de Primera a ABANCA-RIAZOR e estar nunha terceira rolda que facía tempo que non estabamos".

Iso si, asegura que tamén hai "moita traquilidad tamén pensando no partido do sábado (ás 14:00 en Andorra), que é o máis importante para nós".

O Dépor realizou esta tarde a única sesión de preparación do partido da que dispuxo Antonio Hidalgo.

Após unha activación houbo un exercicio táctico no campo 2.

Escudero está con adestramento personalizado; mentres que Daniel Bachmann e Ximo Navarro fan tarefas co grupo.

Hugo Ríos, Quique Teijo, Noé, Bil e o defensa xuvenil Xabi Campos (na foto da noticia) foron os representantes de ANOSACANTEIRA.

Pola súa banda, o RCD Mallorca, que a pasada fin de semana derrotou en liga ao Elche CF por 3-1, é 14º na táboa con 17 puntos.
 
O conxunto de Jagoba Arrasate eliminou nesta edición da Copa en primeira rolda ao Atlétic Sant Just FC (0-2) e en segunda rolda ao CD Numancia de Soria (2-3).

A última vez que se viron as caras ambos os equipos en ABANCA-RIAZOR foi o 20 de xuño de 2019 no partido de ida do play off final de ascenso a Primera División. Naquela ocasión venceron Os Nosos por 2-0.

Jagoba Arrasate lembrou que o Dépor "está en ascenso directo. Respectamos moito ao Dépor pero temos moita ilusión tamén".

Apunta que a última vitoria "hanos insuflado tamén esa autoestima, esa alegría. E imos con todo porque pensamos que podemos necesitar todo".

Finalizado o encontro, Os Nosos encaran a recta final da última semana de competición de 2025 que concluirá o sábado 20 de decembro ás 14:00 en Andorra.

O plan de traballo é o seguinte:

Martes 16 de decembro
19:00 (Copa del Rey): Deportivo - RCD Mallorca, en ABANCA-RIAZOR

Mércores 17 de decembro
10:30 h.

Xoves 18 de decembro
10:30 h.

Venres 19 de decembro
10:00 h.

Sábado 20 de decembro
14:00: FC Andorra - Deportivo, no Nou Estadi Encamp