Mario Soriano e Diego Villares pasáronse pola zona mixta de ABANCA-RIAZOR.
O centrocampista madrileño afirmou que "polas sensacións, polo traballo, por como se deu o partido pode ser un dos mellores deste ano. O punto, por como se deu o partido, podes miralo negativamente pero na categoría custa moito puntuar. Puxémonos por diante e nese balón parado empatáronnos. Hai que valoralo, seguir, facelo bo en Huesca".
Insiste en que "seguimos aí arriba, seguimos na pelexa. O importante é sumar e ter esa regularidade. O equipo estivo moi ben nas dúas facetas, ofensiva e defensivamente".
Mario Soriano apunta que "a temporada foi por xeiras. Tivemos ao principio boa dinámica. Logo tivemos esas sensacións non tan boas e agora nos últimos partidos o equipo está a verse moito mellor, está a atreverse moito máis, estamos a ter o control dos partidos, moita calma, xogando de lado a lado, xerando moitas ocasións. Hoxe (por onte) viuse contra o Málaga CF, que é un equipazo".
Conclúe que o Dépor "tivo moitas ocasións para gañar o partido ben. Agora a seguir, coa cabeza arriba, a corrixir os detalles. Quedan 8 partidos e queremos seguir aí arriba".
Pola súa banda, Diego Villares fala dunha "sensación regular porque fixemos ocasións para levarnos os 3 puntos".
Afirma que "concedemos ese gol moi rápido despois de pornos por diante. Traballamos cousas nos poucos días que tivemos que nos saíron á perfección no plan de partido. Quizais nos faltou un pouco de acerto de cara ao gol".
O capitán deportivista cre que o equipo chega a esa recta final do campionato "ben tanto física como futbolísticamente. Iso é importante" e apunta sobre ANOSAFORZA que "se nos acaban os cualificativos. É unha pasada no partido do Zaragoza, do Córdoba CF e hoxe outra vez o recibimento, chegar aquí, ver tanta xente, a tantos nenos coa camiseta e as bandeiras do Dépor. É unha pasada".
Aos afeccionados pídelles "un último esforzo porque nós tamén o faremos dentro do campo para lograr o obxectivo".
