O Dépor concluirá este sábado 4 de abril ás 18:30 (LaLiga TV Hypermotion e Fútbol 2, dispoñible en DIGI TV e outras plataformas) ante o Málaga CF 7 días frenéticos con empate en Gijón o sábado 28 de marzo e triunfo en ANOSACASA ante o Córdoba CF o martes 31.
Os Nosos chegan a esta xornada en 2ª posición da táboa con 59 puntos, por diante da UD Almería (3º con 58) e a 3 puntos do Real Racing Club (líder con 62).
E ademais mostrándose ante o Córdoba CF, segundo apuntou Antonio Hidalgo, coma "un equipo sólido. Pero iso xa non volve, hai que seguir cara a adiante, mirar ao seguinte partido contra o Málaga CF, que nos vai a pór as cousas moi complicadas. Está nun pico de forma brutal e hai que estar moi centrado nese partido xa".
É baixa para o encontro David Mella, con adestramento personalizado.
O Dépor realizou este venres 3 de abril unha última sesión de adestramento no Dépor Training Center, cunha activación, un exercicio táctico, un partido en espazo amplo, fútbol reducido, unha tarefa de finalizacións e un repaso ás accións a balón parado.
Bil e Noé foron os representantes de ANOSACANTEIRA.
Pola súa banda, o Málaga CF, que vén dun empate (3-3) en Andorra este mércores 1 de abril, é 4º na táboa con 56 puntos.
"Fai cambios. Deixa no banco a xogadores que normalmente son titulares. Saen outros, dan un bo nivel. Sacan un bo punto nun campo complicado. Certo é que o ven cun 0-2 e veno cun sabor agridoce pero o punto que sacan fala do igualado que está todo", apuntou o adestrador do Dépor.
No partido da primeira volta disputado en La Rosaleda o pasado 12 de outubro venceron os andaluces por 3-0.
A xornada será especial para Antonio Hidalgo, ex xogador malaguista: "Foron os meus 3 mellores anos como futbolista. O meu fillo maior Héctor é malagueño. Sigo tendo residencia en Málaga. Vou estar eternamente agradecido polo agarimo que sempre me brindaron cando xoguei e polo recibimento que tiven hai poucos meses".
Lonxe do seu campo esta temporada o Málaga CF gañou á UD Las Palmas (0-1), Albacete Balompié (1-3), Sporting de Gijón (1-3), Córdoba CF (0-1), Granada CF (0-1) e Cádiz CF (0-3); empatou co Real Valladolid (1-1) e FC Andorra (3-3); e perdeu coa SD Huesca (1-0), Burgos CF (2-1), Real Racing Club (3-0), CD Leganés (2-0), CD Castellón (2-1), Cultural Leonesa (1-0), CD Mirandés (2-1) e Real Sociedad B (2-1).
Finalizado este primeiro choque do mes de abril, o cadro deportivista adestrarase de novo o martes 7 de abril ás 10:30 no Dépor Training Center.
