O Deportivo remitiu esta tarde á Federación Uruguaia de Fútbol un informe médico sobre o estado físico do deportivista Fede Valverde, citado pola selección suramericana para a China Cup, competición que se xogará na cidade chinesa de Nanning do xoves 22 ao luns 26 de marzo; e na que participarán ademais de Uruguai, a anfitrioa China, Gales e República Checa.
Segundo indica Rafael Martín Acero, coordinador dos Servizos de Apoio ao Rendemento do Futbolista (SARF) do RC Deportivo, o futbolista está de baixa médica desde o pasado 12 de febreiro, debido a unha lesión muscular de grao 1-2 do terzo medio do seu bíceps femoral esquerdo. Nestes momentos, Fede Valverde está en proceso de readaptación deportiva, sen prazo fixo para o seu regreso ao traballo co resto do grupo.
O informe do RC Deportivo vai acompañado ademais das probas de imaxe da citada lesión do centrocampista do Dépor.
Escocia e Tunisia, próximas citas da Costa Rica de Celso Borges
A selección de Costa Rica, con Celso Borges entre os convocados, preparará ante Escocia e Tunisia o próximo Campionato do Mundo de Rusia 2018.
Así, o venres 23 de marzo Costa Rica visita a Escocia no estadio Hampden Park (19:45, hora local) de Glasgow; e o martes 27 de marzo mídese a Tunisia no Alliance Riviera da cidade francesa de Niza (20:00 horas).
O luns 19 de marzo, o mediocentro deportivista deberá incorporarse á concentración da súa selección en Glasgow, xusto despois do partido no Estadio ABANCA-RIAZOR do sábado 17 de marzo (13:00 horas, Bein LaLiga) ante a UD Las Palmas.
Dous novos amigables para Florin Andone con Romanía
O dianteiro deportivista Florin Andone foi convocado polo seu equipo nacional, Romanía, para dous partidos amigables que terán lugar neste mes de marzo.
Así, o venres 23, os romaneses visitan a Israel, na cidade de Netanya; e o martes 27 reciben en Craiova (Romanía) a Suecia.
Andone viaxará á concentración da súa selección o domingo 18 de marzo.