RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor volve tropezar coa mesma pedra (1-1)

O Deportivo sumou un insuficiente empate ante o Eibar nun partido que arrancou prometedor pero que comezou a torcerse co gol do Eibar na súa primeira chegada e acabou de complicarse coa expulsión do debutante Maksym Koval antes do descanso.

Clarence Seedorf, preparador branquiazul, realizou nada menos que sete cambios na formación titular con respecto á presentada o pasado mércores no Coliseum Alfonso Pérez de Getafe. Á ausencia obrigada de Pedro Mosquera, sancionado por acumulación de amoestacións, sumouse a saída do equipo de Rubén, Juanfran, Fabian Schär, Luisinho, Michael Krohn-Dehli e Zakaria Bakkali. No seu lugar actuaron Maksym Koval, Raúl Albentosa, Sidnei, Fernando Navarro, Celso Borges, Emre Çolak e Florin Andone.

Todas estas novidades provocaron unha máis, o cambio de posición de Eneko Bóveda, central até agora e hoxe lateral dereito.

O Dépor saíu moi enchufado, creando problemas ao Eibar desde o inicio. Así, no minuto 4 chegou a primeira e clara ocasión para os branquiazuis. Fernando Navarro sacou de banda en longo para Lucas, que gañou as costas a Rubén Pena. O '7' centrou por baixo cara ao bo desmarque de Andone que, con todo, estrelou o seu remate ao primeiro toque no corpo de Marco Dmitrović.

Acto seguido, Adrián internouse pola liña de fondo, centrou por baixo e o coiro caeu de novo a pés de Andone que, de costas a portería, tentou deixalo cara atrás para a chegada de Lucas, aínda que estivo impreciso.

No minuto 7, foi Lucas quen non acertou a bater a portería armeira en situación vantaxosa. Esta vez Adrián contemporizou para buscar en profundidade a Andone, que centrou por baixo para o dianteiro coruñés. Dmitrović afogou de novo o berro liberador en ABANCA-RIAZOR cos seus pés.

Con todo, unha vez máis, a primeira chegada do rival traduciuse en gol. Charles sacou do seu sitio a Sidnei e Muntari, aos que levou á banda dereita do ataque eibarrés. Alí buscou e atopou a carreira desde atrás de Orellana, que puxo un centro raso ao segundo pau que atravesou toda a área e atopou a Takashi Inui. O xaponés levou o balón con tranquilidade ao fondo das mallas.

O Dépor veu abaixo durante un intre longo, case vinte minutos, nos que o Eibar tampouco foi capaz de facer dano. Foi recentemente superada a media hora cando os branquiazuis acariñaron o gol. Pero o poste interpúxose de novo, como vén sendo habitual nas últimas xornadas. Andone esta vez superou a estirada do porteiro visitante, pero o seu remate, a centro por baixo de Fernando Navarro desde a esquerda, estrelouse na cepa do poste esquerdo do marco eibarrés.

O Eibar respondeu rápido, nun lanzamento lonxano de Pedro León. Corría o minuto 32 cando o murciano, que acababa de sustituír ao lesionado Orellana, disparou por moi pouco por riba do traveseiro da meta de Koval.

E no intercambio de golpes, saíu gañador o Dépor, que uns segundos despois lograba o empate. Adrián centrou pasado ao segundo pau, onde atopou a cabeza de Andone. O romanés topouse de novo coa madeira, pero o rexeite caeu sobre as pernas a Dmitrović, que non puido atrapar o esférico, para acabar introducíndoo na súa propia portería. Por fin sorriu a fortuna aos pupilos de Clarence Seedorf.

Cinco minutos máis tarde, Koval evitou o tanto do Eibar nunha fenomenal estirada, após desviar Sidnei un centro pechado de Inui.

E acto seguido, unha xogada determinante. A expulsión de Maksym Koval, que cometeu falta fóra da área sobre Joan Jordán após un erro de entendemento entre Albentosa e el mesmo. Rubén substituíu a Emre Çolak. O Dépor debía afrontar, como ante o Levante, boa parte dun partido en ABANCA-RIAZOR con dez xogadores.

O Dépor arrancou a segunda metade nunha disposición 4-4-1, con Lucas na banda dereita de mediocampo, Adrián na esquerda e Andone só en punta. E o Eibar, monopolizando a posesión do esférico, con paciencia e sen precipitación, esperando o seu momento.

Non buscou portería o conxunto visitante até o minuto 59. Inui empalmou unha volea no despexe da zaga branquiazul a un córner lanzado por Pedro León. Rubén respondeu sacando os seus puños, desviando a pelota cara á súa dereita, para evitar o tanto.

O partido discorreu co mesmo guion. Control total do Eibar, que non volveu disparar até o minuto 72 por medio de Dani García, e contadas saídas ao contragolpe do Dépor, que morrían sempre antes de chegar á área vasca.

Rubén volveu resultar providencial no minuto 76, ao responder con acerto a un centro-chute de Iván Alejo que se coaba no marco deportivista. Bóveda acabou de afastar o perigo após quedar o coiro morto preto da liña de fondo.

O Dépor aguantou como puido ante un Eibar que tivo unha posesión por riba do 80 por cento na segunda metade. Os branquiazuis permitíronse mesmo soñar nalgún contragolpe, sobre todo nunha acción entre Lucas e Bakkali que obrigou ao gardameta visitante a saír case até mediocampo.

Con este empate, o Deportivo sitúase con 19 puntos.

RC Deportivo: Koval, Bóveda, Albentosa, Sidnei, Fernando Navarro, Borges, Muntari (Krohn-Dehli, min. 81), Lucas, Emre Çolak (Rubén, min. 43), Adrián e Andone (Bakkali, min. 85).

SD Eibar: Dmitrović, Rubén Pena, Lombán, Arbilla, Cote, Dani García, Diop (Kike García, min. 60), Inui (Iván Alejo, min. 74), Joan Jordán, Orellana (Pedro León, min. 27) e Charles.

Goles: 0-1 Inui (min. 11); 1-1 Dmitrović, en propia meta (min. 33).

Árbitro: Jaime Latre (c. aragonés). Expulsou con vermella directa a Koval (min. 39). Cartón amarelo a Rubén Pena (min. 64), Cote (min. 78) e Sidnei (min. 89).

Incidencias: partido da 27ª xornada de LaLiga disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 19.427 espectadores.