RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"O equipo mostrouse, incluso os días que non puido gañar, coa capacidade de facelo e iso é moi importante", sostén Borja Jiménez

Borja Jiménez, en rolda de prensa, subliñou este mediodía na sala de prensa de Abegondo que "ter a todos os xogadores dispoñibles é marabilloso. Hai futbolistas que xogaron o outro día 90 minutos pero que non van ter ningún problema para estar dispoñibles. Están a reivindicarse, están a facer un bo papel non só en Copa senón cando participaron en Liga. Oxalá dure moito tempo porque iso quere dicir que ao final estamos a traballar ben, que a saúde do grupo é boa e que se peguen entre eles para ver quen pode xogar".

Da Cultural Leonesa, rival mañá domingo ás 18:00 horas no Estadio Reino de León (Footters) comenta que "é o equipo máis goleador da categoría nestes momentos. Quere dicir que é perigoso. Tamén é un equipo que encaixa. Nós somos o segundo máximo goleador e creo que veremos un partido de goles. Estou convencido porque os dous a priori queremos ir ao ataque, a por o tres puntos. Eles ao final xogan en casa, ante a súa xente e terán a necesidade de gañar. Independentemente de quen sexa o rival cando un xoga na súa casa ten case a obrigación de gañar. Nós imos coa mesma intención de poder traernos o tres puntos para A Coruña. Entón supoño que será un partido aberto, con posibilidades nas dúas áreas e haberá que estar moi atento".

Da chegada de Curro Torres ao banco local, "son dos que digo que os cambios se verán a longo prazo. Agora mesmo a curto prazo os xogadores son os mesmos, dáche tempo a axustar moi pouquiñas cousas e máis cun partido entre semana. O que imos facer é fixarnos moito no que nós facemos, coñecer as individualidades que ten o rival para saber a que perfil de xogador enfrontámonos, independentemente de que saquen unha aliñación ou outra. Non creo que vaia a haber moitos cambios, polo menos nesta fin de semana. Un pouco por tempo non creo que dese tempo a cambiar moitas cousas. Entón nós preocupados e centrados en recuperar aos xogadores, en estar ben e en tentar facer o noso partido".

Preguntado se o esquema de Copa do pasado xoves en ABANCA-RIAZOR ante o CA Osasuna, con catro atacantes, é extrapolable á liga, Borja Jiménez explica que "cando quitas un xogador de dentro para ter un máis en ataque, é lóxico que os partidos se abran. Haberá días como o outro que queiramos levalo a un partido que sexa moi aberto desde o inicio, outros tentamos que non fóra tan aberto e mañá decidiremos, tendo todas as variantes que habemos ir metendo durante o ano. Manexamos moitas estruturas e todas diferentes. O bo é que o equipo, independentemente do que fagamos, é moi competitivo. Entón mañá a idea é tentar conseguir o tres puntos porque é a nosa meta cada vez que saímos a xogar".

A falta dun partido neste ano 2021 e de tres para concluír a primeira volta, o adestrador branquiazul fai un balance positivo: "Levamos unha puntuación alta para estas alturas. Está a ser unha competición moi igualada e estámolo vendo. O equipo mostrouse, incluso os días que non puido gañar, coa capacidade de facelo e iso é moi importante, o ser consistente, moi perseverante, estar en todos os partidos até o último momento e coa posibilidade de gañar, e cando vas perdendo de empatar. Iso fala moi ben do equipo. Temos que seguir facendo o mesmo, sabendo que as segundas voltas van ser máis complicadas porque é estatístico e é así en todas as categorías, é moito máis difícil. É ir manexando no noso día a día. Como dixen sempre estar tranquilos e ir sumando. O día que non podes gañar empatar, sabendo que quixeches gañar é importante".