RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"O equipo que máis se parece ao que foi durante o ano na súa mellor versión é o que máis preto está de conseguilo", cre Álex

O capitán Álex Bergantiños manifestou na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR que o partido do pasado sábado ante o Linares Deportivo foi "un partido definitorio, decisivo como vai ser o deste sábado. É unha experiencia máis que non tiñamos este grupo de xogadores e serve de exemplo para o que pode ser o sábado a nivel de sensacións, nervios, un partido de playoff. Foi unha experiencia positiva porque saíu ben. Fixemos cousas mal sobre todo na primeira parte, erros que cometemos. Neste tipo de partidos é máis importante o compoñente mental. Ten que servir de aprendizaxe, de experiencia para que este sábado podamos conseguilo".

Opina que o choque ante o Albacete "é moi determinante por todo o que implica, a nivel de Club, de cidade... O non conseguilo sería xa outro terceiro ano fóra de fútbol profesional, agora que parece que todo volve á normalidade despois da pandemia. É algo que necesita a cidade, o Club a todos os niveis. É importante para todos os estamentos: traballadores, #ANOSAFORZA, a cidade, todo o que repercute o estar no fútbol profesional. O que desexamos é que o Dépor estea onde se merece, onde lle corresponde e conseguilo canto antes, que ten que ser este sábado".

Cre o mediocentro coruñés que o Albacete Balompié, rival este sábado (18:00 horas) na gran final polo ascenso, "é un equipo poderoso, cun dos maiores orzamentos, dos mellores cadros da categoría. Feito para ascender. O ano pasado estaba en Segunda. Ten potencial similar ao que pode ser o noso. Temos temporadas parecidas. A eles escapóuselles o ascenso directo nas últimas xornadas. A nós escapounos o Racing. E chegamos a este partido decisivo dous grandes equipos, dos mellores da categoría, e coa necesidade, a ambición de conseguir ese ascenso. Somos dous equipos importantes, de cidades importantes que necesitan volver ao fútbol profesional".

Segundo el, "se mitifica un pouco" o feito de que Rubén de la Barrera, ex adestrador do Dépor a pasada temporada e agora no Albacete, poida ter vantaxe ao coñecer o Club branquiazul porque "non sei cantos cambios temos no cadro con respecto ao ano pasado. Hoxe en día todos os equipos facemos moitísimo scouting, temos vídeos individualizados dos rivais toda a temporada. Pode haber algún concepto que saibas que lle poida gustar a un adestrador, pero ese concepto polo cadro que ten este ano igual é totalmente distinto ao que tiña o ano pasado. Hoxe en día os adestradores adáptanse ao perfil de xogador que teñen en cada momento, así que non penso que sexa tan determinante. Si será especial, principalmente para el, por ser coruñés, por todo o que significa o Deportivo".

Insiste en que tanto o Albacete como o Dépor son "dous dos mellores cadros da categoría con diferenza. Hai moito talento para facer goles nos dous equipos e de paso depender do acerto. O outro día nós tivemos moita pegada, moito acerto nas áreas en momentos puntuais do partido e por iso tivemos un marcador tan avultado que foi máis enganoso do que puidese parecer. E este sábado vai ser algo así. Eles teñen grandes xogadores individualmente, con moito potencial para estar nunha categoría superior e nós tamén. O que afine máis neses detalles é o que llo poderá levar sabendo que é a partido único. Calquera pequena decisión, erro ou acerto vai marcar a diferenza e estou convencido de que vai ser moi axustado durante todo o partido".

Confesa sobre o feito de que o encontro se xogue en ABANCA-RIAZOR que cansa "un pouco o feito de que pareza que o Dépor teña algo que ver. Esta mesma temporada o Hércules xogou o seu playoff en Alacante, La Nucía xogou no seu campo, o Eldense no seu campo. O ano pasado o Badajoz xogou no seu campo a final do playoff".

Considera, como cre que pensa a gran maioría do fútbol, que "o máis xusto é un playoff a ida e volta. Hai que dar unha volta a este formato porque se perde o que é a esencia destas categorías. Son o primeiro que vería con moitísima máis ilusión o xogar en Linares e aquí en ABANCA-RIAZOR, que habería o mesmo ambiente. Pero nós non puxemos as bases da competición e as normas. O ano pasado a Federación Galega pediu ser sede e o Dépor nin estaba clasificado para o playoff. Non somos culpables de que se tomen este tipo de decisións. Que podemos ter máis xente porque designaron esta sede única máis preto de nós, nós encantados porque temos a #ANOSAFORZA e máis xente pódese desprazar, pero non fixemos nin as bases da competición nin decidido que se xogará aquí. Conciencia tranquila e eu digo que moitas veces é demasiado ruído en redes sociais".

Ademais pensa "firmemente que non che garante nada. Podo poñer mil exemplos tamén: Inglaterra perde a final da Eurocopa en Wembley, o Dépor xogou a final no Bernabéu, este ano o Betis xogou a final de Copa na súa cidade, en Sevilla... O fútbol tende a negocio e fanse este tipo de situacións, pero nin o Deportivo nin o deportivismo tense que sentir para nada responsable nin condicionado por ese tipo de comentarios, porque non é nada que decidise nin o Dépor nin o deportivismo".

Nestes días previos, Álex explica que o que "tentamos é dar naturalidade e que a semana sexa o máis parecida a unha semana de competición porque o demais xa vai vir logo imposto polos nervios, pola repercusión, polo recibimento... Todo o que vivimos a semana pasada".

Ante o Linares Deportivo "na primeira parte estivemos moi precipitados, desacertados sobre todo con balón. Perdemos moitos balóns, iso fixo que eles tivesen un par de opcións claras, que Ian Mackay estivo moi ben. Está claro que de acertar nalgunha pois igual cambiase ou provocase que o equipo estivese máis nervioso aínda. Sabemos que pode pasar. É fútbol. O grupo ha ir madurando durante o ano, sabéndose adaptar a partidos importantes, a perder partidos importantes como perdemos o día do Racing de Santander aquí, a ter partidos agora decisivos, a prepararse mentalmente para xogar un playoff como xa levamos tempo facéndoo. E agora vivilo e facelo con toda a nosa enerxía, coas nosas virtudes de todo o ano. Neste tipo de situacións o equipo que máis se parece ao que foi durante o ano na súa mellor versión é o que máis preto está de conseguilo".

Comenta que no vestiario "estamos encantados de que poida haber unha afluencia masiva de #ANOSAFORZA e que nos empuxe en momentos que podamos pasar mal durante o partido. E eles supoño que estarán a tentar agarrarse aos que se despracen deles e a tentar ver todo en contra para rebelarse ante iso. É moi difícil entrar na cabeza de cada xogador e nós como grupo temos que agarrarnos a tentar ser nosa mellor versión do ano. Por sorte temos unha afección marabillosa, que fixo entradas, afluencias espectaculares todo o ano e este grupo adaptouse a iso. Sabe o que é un partido de transcendencia importante e este con máis motivo porque é algo definitivo. Así que creo que estamos preparados. Daquela isto é deporte e daremos o máximo para levárnolo".