RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Fabril cae co Extremadura polo valor dobre dos goles en campo contrario

Nunha eliminatoria vibrante, emocionante, con alternativas para os dous equipos e chea de tensión, o Fabril caeu apeado da Fase de Ascenso a LaLiga 1|2|3 polo Extremadura.

O pase á segunda rolda decidiuse esta tarde en Abegondo, no choque de volta (3-2); posto que na ida o marcador foi de 2-1 favorable aos estremeños. 

Coa eliminatoria empatada ao final dos dous partidos (4-4), o valor dobre dos goles en campo contrario (1 do Fabril no Francisco de La Hera de Almendralejo a pasada semana por 2 do Extremadura hoxe en Abegondo) foi definitivo.

Do mesmo xeito que na ida, o comezo de partido na Cidade Deportiva foi frenético. Zarfino adiantou aos estremeños aos 4 minutos. O Fabril reaccionou rápido e deulle a volta ao marcador con tantos de Uxío e Edu Expósito.

A eliminatoria viraría de novo cara ao Extremadura pola lesión de Queijeiro (minuto 10) e, sobre todo, pola expulsión de Luís Fernández (minuto 32), ao ver o seu segundo cartón amarelo.

O Fabril, en inferioridade, deu un paso atrás ante un rival que se vía preto de lograr a igualada.

Após o descanso, de novo o choque daría un envorco coa expulsión do visitante Pardo, tamén por dobre amarela, no minuto 58.

O xogo igualouse e, xa con 10 futbolistas sobre o campo os dous equipos, a prórroga foi inevitable. 

Arrincou o tempo extra mellor o Fabril, esporeado pola bancada que encheu Abegondo. Carlos López, un home de refresco grazas a un cambio intelixente de Munúa, adiantou de novo ao filial deportivista. O 3-1 provisional no marcador clasificaba ao Fabril.

Con todo, os estremeños tiveron forzas para buscar un gol salvador e atopárono no minuto 108 grazas á ovetense Barreira. Ese 3-2 foi definitivo ante un Fabril xa sen forzas e con moitos problemas físicos nos seus xogadores.

Fabril: Álex Cobo, Blas, One, Raúl González, Diego Caballo, Gaizka, Bicho, Queijeiro, Uxío, Luís Fernández e Borja Galán. Tamén xogaron: Edu Expósito, Óscar e Carlos López.

Con este partido, o Fabril dá por concluída a temporada 2017-18, brillante en calquera caso, cun subcampeonato ligueiro histórico no grupo 1º de Segunda División B.

Os resultados do Fabril nesta Fase de Ascenso foron os seguintes:

Primeira eliminatoria
Ida: Extremadura 2 - Fabril 1 (Uxío)
Volta: Fabril 3 (Uxío, Edu Expósito e Carlos López) - Extremadura 2