RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O partido "que lembra todo o mundo", o Centenariazo, cumpre hoxe 20 anos

Tal día como hoxe, 6 de marzo, pero do ano 2002, disputouse no Estadio Santiago Bernabéu unha final de Copa do Rei entre o Real Madrid CF e o Deportivo que pasou con letras maiúsculas á historia do fútbol mundial, xusto o día no que o club branco festexaba o seu centenario.

Fran e Manuel Pablo, os dous representantes daquel cadro que aínda permanecen no Club como Director de #ANOSACANTEIRA e adestrador do Xuvenil A respectivamente, rememoraron en ABANCA-RIAZOR, co trofeo á beira, unha xornada que encheu de felicidade a toda A Coruña e ao deportivismo de todo o mundo.

Portando o trofeo, Fran e Manuel Pablo volveron saír ao céspede de ABANCA-RIAZOR como o xoves 7 de marzo de 2002, nesa ocasión coas bancadas practicamente cheas de #ANOSAFORZA e despois dunha longa noite de celebración e de regreso desde Madrid. Non houbo tempo para moitos festexos. Ao equipo de Javier Irureta, que pelexaba por gañar de novo a liga e asegurarse as prazas de Liga de Campións, agardáballe o Rayo Vallecano a fin de semana seguinte.

"Tremendos recordos dese día", reflexiona Fran ante os medios de comunicación, a pé do céspede onde durante tantas temporadas fixo feliz a #ANOSAFORZA. "Foi un día histórico para nós. Era un partido único que se dá unha vez cada 100 anos. A nós tocounos ese privilexio de estar nesa final. O gran recordo que teño foi cando vou recibir a Copa e vías unha parte do Estadio Santiago Bernabéu con miles de deportivistas e a outra parte completamente baleira. Unha afección por unha banda toda eufórica e por outro unha moi decepcionada co seu equipo".

Apunta o capitán deportivista que "daquela tiñamos un equipazo. Eramos un equipo moi temido, moi respectado e eramos capaces de facer grandes xestas. Era unha ocasión que, a pesar de que daban ao Real Madrid con todos os galácticos como gran favorito e tiñan todo preparado, fomos capaces de facer un partido dos mellores que eu recordo como profesional no Dépor. Saíunos todo perfecto e puidemos facernos con esa vitoria".

Confesa que no momento de subir ao palco de honra após o partido, "estás como nunha nube. Non o cres. Vas saudando a todas as autoridades alí. E logo cando as recibes, eu non mo podía imaxinar, e tampouco estás preparado para esa ocasión porque foi algo único, envólveche todo o ambiente. Estás un pouco como noutro lado e a cabeza non a tes realmente aí á hora de recibila".

A pesar de todo o que supuxo ese partido para o Club, no que sería o seu quinto título oficial, Fran queda coa liga da temporada 99-2000 "porque é o de maior dificultade. Nós xa gañaramos tamén a Copa do Rei no 95. O que pasa é que isto é algo especial, deuse esa circunstancia pero non hai nada máis grande que a liga, só seguramente a Champions, pero a liga é algo que nós sufríramos durante moitos anos, é esa espiña que tiñamos aí cravada moitísimos. E eu que formei parte daquel equipo, tiñamos que sacarnos iso de encima porque foi moi doloroso. Grazas a deus tivemos a oportunidade de gañala. Pero o Centenariazo é algo que lembra todo o mundo, vaias onde vaias. Sempre vai haber un recordo especial. É algo incrible que nos pasou isto".

O que foi un dos grandes futbolistas da historia do fútbol galego subliña que na época desa final de Copa do ano 2002, "viñamos de facer partidazos incribles. A época de marzo, eu non se se pola preparación física ou polo que sexa, estabamos nun momento, en todos os sentidos, realmente moi ben. Despois do confinamento vin outra vez o partido, vin moitos partidos do Dépor, e a verdade que foi un partidazo en todos os sentidos: como entramos ao campo, como estabamos enchufados, o fútbol que tiñamos, como soubemos xogar ao Real Madrid... E despois o máis difícil foi esa segunda parte onde a pesar de todo ese empuxe que eles tiveron, fomos un equipo tamén moi sólido defendendo ese resultado. Non é fácil ir ao Bernabéu. Eu alí xoguei moitos anos e acórdome só a Supercopa que gañei, daquela outro partido e este. Gañei en tres ocasiones. Para que nos deamos conta que hai campos que non digo que sexan imposibles, pero onde é moi complicado gañar. O que pasa é que se deu. Estivemos tamén mentalmente moi ben preparados para este partido, soubemos xogalo moi ben e ao final foi unha vitoria máis que merecida. Por iso eu sempre digo, e moitos xogadores tamén coincidimos, que seguramente foi o mellor partido da historia do Dépor ou está entre o tres mellores partidos que fixo o Dépor en toda a súa historia, polo menos na que me tocou vivir a min".

Lembra Fran que a comezos da súa carreira no Fabril, "case todos eran de dous equipos, seguramente tamén porque eran os únicos partidos que televisaban antigamente. Co rexurdir do Superdépor, a culminación co campionato de Liga e tamén co Centenariazo fixo que fose moito máis fácil ser seareiro do Dépor. Aínda hoxe moitísima xente xa dunha idade lembra iso creo sempre con moito agarimo".

"Fomos uns auténticos privilexiados de poder estar aí dentro do campo, e gozalo dunha maneira única", concluíu.

Pola súa banda, Manuel Pablo, que estaba a se recuperar aquela temporada dunha grave lesión, lembra que o Centenariazo "vivino case coa afección, máis no medio. Foi espectacular. Hai sobre todo dous sons: #ANOSAFORZA faise co estadio ao principio e desde o primeiro minuto está a cantar, só se lles oe; e o segundo son cando metemos o gol, que se oe un estrondo que parecía que viña unha mobilización de combate".

Toda a expedición branquiazul tamén garda na memoria o espectacular recibimento de #ANOSAFORZA ao autocar do equipo ao virar na madrileña cale Padre Damián camiño do acceso ao estadio, rúa totalmente repleta de afeccionados e bandeiras branquiazuis.

Coincide con Fran ao afirmar que "estabamos nunha época onde competimos de ti a ti contra os equipos grandes, confiando no que faciamos e saímos convencidos de que podiamos facelo. A pesar de toda a presión que pode supor o Bernabéu, estivemos sempre moi enteiros desde o principio no partido. Mesmo nese momento que se cadra eles podían apertar, nunca nos botamos atrás. Fixemos un partido moi completo a todos os niveis".

Desvela que "me sorprendeu todo: a capacidade que tivemos para estar tranquilos durante todo o partido, o convencemento de que estabamos preparados para a ocasión. Demostramos que estabamos nunha liña moi boa e que podiamos aspirar a cousas importantes como gañar unha Copa do Rei no Estadio dun gran rival e con toda a festa que había preparada".

Vinte anos despois, Borja Jiménez, actual adestrador do Dépor, desexou que "algún ano podamos facer historia da forma que sexa co Club. Devolvéndoo ao fútbol profesional dariamos un paso importante para esa estabilidade que se necesita. Sería un dos meus soños poder estar aquí e formar parte da historia".

Conta que ese 6 de marzo de 2002, con apenas 16 anos, "non estou seguro cento por cento pero creo que o vin co meu pai en casa. O meu irmán aínda era moi pequeniño, eu tamén era bastante novo, pero o meu pai desde o primeiro momento sempre nos inculcou, xa non só co fútbol senón con calquera deporte, esa necesidade de ter ambición, de querer ser ambicioso na vida, de ter metas. Vino con el e pasámolo bastante ben".