RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O vestiario deportivista fala de que "este é o camiño" e de "punto de inflexión"

Juanfran e Adrián compareceron na zona mixta do Estadio ABANCA-RIAZOR.

O lateral madrileño subliñou que este empate deixa no vestiario un sentimento "un pouco difícil porque te vas con boas sensacións de xogo. Hoxe apertamos até o final, pero a necesidade dos puntos fai que te vaias un pouco triste. Noutra situación iriámonos moi felices".

Apunta Juanfran que "este é o camiño. Conseguimos portería a cero que é o primordial para saír desta situación. A seguir, o mércores temos outra batalla, con esta actitude o equipo vai saír de aí".

Preguntado pola cariñosa reacción da afección, cre que "di moito de Riazor o aplauso final. Este Club é diferente por iso a xente aínda que sufriu ano tras ano quixo volver. Isto é diferente e merecémonos todos que as cousas empecen a saír ben, saír de aí e que o equipo siga crecendo".

Pola súa banda, Adrián López, de novo co brazalete de capitán, sostén que "non lles deixamos que nos creasen perigo. Pola contra tiramos dous paus, chegamos moito máis que eles, despois o penalti de Lucas. Diego López (meta espanyolista) fixo unha parada espectacular porque o tirou bastante ben. Hoxe faltou iso".

Por este motivo, opina o dianteiro asturiano que "a afección acabou contenta e recoñeceunos o traballo que fixo o equipo. A pesar de non gañar pode ser un bo punto de inflexión para coller ánimo, para estar aínda máis unidos xuntamente coa nosa afección e seguir neste camiño. Se somos capaces de facer partidos como os de hoxe, van chegar os 3 puntos moi rápido".

Do penalti de Lucas, apunta Adrián que "para min non é fallo del, é máis acerto de Diego sen ningunha dúbida. A el claro que lle amola. Puido marcar e que fosen 3 puntos. Na súa cabeza estará iso pero creo que será hoxe, pasará igual unha noite intranquilo, pero mañá estaremos aí animándoo e recuperarase seguro que moi rápido. É un gran xogador, hoxe fixo un gran partido, foi dos mellores. Hai que seguir. Só falla o que o tira".

Sobre a afección, manifestou que "viu o traballo que fixo o equipo. Sabe que fixemos todo para gañar. Non puido ser, non entrou o balón. Así nolo agradeceu, con ese aplauso. Para nós é importante. Por iso o partido de hoxe temos que collelo como punto de inflexión e que sexa este o camiño".