RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O vestiario, por boca de Villares e De Vicente, da por bo o empate porque "puntuar en El Sardinero non está nada mal"

Rafa de Vicente, ex xogador do Real Racing Club, e Diego Villares atenderon aos medios de comunicación na zona mixta dos Campos de Sport de El Sardinero.

Así, De Vicente valora de forma positiva o empate sen goles: "En todo momento tentamos levarnos os tres puntos. É verdade que o Racing tamén estivo moi ben, fixo un partido moi serio. Está claro que nós queriamos levarnos os tres puntos porque cada domingo é a esixencia que temos, pero puntuar en El Sardinero non está nada mal".

Así pois, subliña que o resultado é xusto, aínda que "quizais a ocasión máis clara que houbo no partido tivémola nós, con esa acción de William de Camargo. Máis aló diso, foi un partido moi disputado, con dous equipos que imos estar arriba a priori en toda a temporada".

Nesta liña, Rafa de Vicente lembra que "hai moitos equipos que están arriba; o mesmo Unionistas que nos sorprendeu un pouco a todos e leva unha xeira de partidos moi boa. Está a verse que o nivel da categoría é moi alto, moi esixente e vai ser esixente para todos. O que máis continuidade teña cada domingo será o que leve esa primeira praza". Por conseguinte, "todo o que sexa puntuar é boa opción sempre", conclúe o centrocampista branquiazul.

A nivel persoal, o futbolista andaluz no seu regreso a Santander sentiuse "moi ben, moi a gusto. Agradecer tamén á afección no cambio o agarimo que recibín. Sempre é bonito que cando un volve á que foi a súa casa demóstrenlle ese agarimo. Viña con moitas ganas de xogar. Tentei achegar o que o míster pedía".

Pola súa banda, Diego Villares admite que "un puntiño fóra de casa nunca está mal aínda que como xa dixo Rafa viñamos gañar. O noso obxectivo era sacar os tres puntos pero non se puido. Foi un partido no que tivemos o dominio, pero igualado. Á fin e ao cabo un punto sempre é positivo".

Laméntase da ocasión da primeira parte que dispuxo o Dépor nas botas de William de Camargo pola que se marcha cun pouco de "rabia" de El Sardinero: "Non puido entrar por unhas cousas ou outras. Agora a pensar no seguinte partido".

Preguntado por #ANOSAFORZA, Villares comentou que "teño a moitos coñecidos aí entre esa xente e para min é unha marabilla que fin de semana após fin de semana desprácense centos de quilómetros co equipo".

Finalmente, en canto aos posibles rivais, o mediocentro de Vilalba apunta que ademais do Real Racing Club, "houbo equipos que me gustaron bastante; pero Racing, Unionistas ou eses equipos que están aí na cabeza van ser rivais até o final de temporada".