RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Pablo Marí fai estoupar ABANCA-RIAZOR no 94' (1-0)

O Deportivo estreouse no Estadio ABANCA-RIAZOR esta temporada cunha sufrida e agónica á vez que doce vitoria ante o Sporting de Gijón, mercé a un gol de Pablo Marí no tempo engadido da segunda metade, despois de desperdiciar un penalti na primeira parte e de dominar o encontro de punta a cabo ante un rival que non disparou unha soa vez.

O técnico branquiazul, Natxo González, após repetir aliñación nas dúas xornadas anteriores, realizou cinco cambios no once inicial, varios deles obrigados por lesión. No centro da defensa, Pablo Marí substituíu a Bóveda. Na medular, Didier Moreno entrou en lugar de Pedro Mosquera e Krohn-Dehli fixo o propio por Carles Gil. En ataque, Pedro e Carlos Fernández ocuparon a posición dos lesionados Borja Valle e Quique.

A primeira media hora de xogo transcorreu no medio dun severo respecto mutuo entre ambos os equipos. A instensidad defensiva, o rigor co que se empregaron coruñeses e asturianos, deixou un primeiro cuarto de partido sen un só achegamento de perigo, aínda que con maior dominio tanto da posesión como territorial por parte do Deportivo.

O primeiro disparo a porta do encontro non chegou até o minuto 28. Nun córner botado en curto por Pedro cara a Krohn-Dehli, o danés devolveulla ao alacantino, que buscou bater a Mariño polo primeiro pau. O porteiro sportinguista atrapou con seguridade.

Acto seguido, chegou o penalti co que o colexiado castigou unha entrada de Babin a Carlos Fernández cando o dianteiro tentaba regatear ao martiniqueño dentro da área. Didier Moreno foi o encargado de executar a pena máxima. Diego Mariño adiviñou a intención do colombiano. O gardameta visitante lanzouse cara á súa esquerda para rexeitar o coiro.

O encontro abriuse algo máis a partir de entón. O Dépor lanzou un par de contragolpes con certo perigo. O segundo deles, culminado por Didier Moreno cun disparo excesivamente cruzado desde fóra da área.

No minuto 42 probouno Vicente Gómez. O canario cabalgou en solitario 20 metros após recuperar a posesión en mediocampo. O seu disparo desde a frontal da área rozou nun futbolista xixonés e marchouse por pouco por riba do traveseiro.

Nada máis comezar a segunda metade, Carlos Fernández tivo unha grandísima ocasión. O sevillano cabeceou, realizando un escorzo, un centro de David Simón desde o extremo dereito. O dianteiro non puido precisar o remate que, malia todo, non saíu demasiado lonxe do poste dereito da portería de Mariño.

O Sporting deu un paso atrás e o Dépor fíxose coa iniciativa. Con todo, até o minuto 62 non chegou unha nova oportunidade. Carlos Fernández rematou excesivamente cruzado após controlar na área un pase raso de Vicente Gómez, que chegou á liña de fondo após dobrar a Diego Caballo. Cinco minutos máis tarde repetiu Carlos Fernández, pero a súa cabezada, a centro de David Simón, saíu demasiado bombeado e Mariño atrapou o coiro con facilidade.

Natxo González deu entrada a Fede Cartabia, que deu un punto máis de velocidade aos branquiazuis. O preparador deportivista completou o cambio de rexistro, que non de debuxo táctico, co ingreso de Carles Gil en lugar de Álex Bergantiños, xusto despois de que o ganés Isaac Cofie vise a segunda cartolina amarela.

Con dez homes enfrente, o Dépor acrecentou seu dominio. No minuto 89, Carles Gil tentou sorprender ao porteiro visitante cun disparo lonxano con efecto. O lanzamento non colleu suficiente parábola e Mariño, moi rápido, atrapouno con seguridade.

En tempo de prolongación, Fede Cartabia arrancou un córner da nada, e a estratexia fixo o resto. O propio arxentino xogou en curto para Pedro e este para Carles Gil, que contemporizou, esperou a que Cartabia amagase e fixese dubidar aos defensores do saque de esquina e deixouno só na liña de fondo. O seu centro, coa perna mala, foi perfecto para que o cabecease Pablo Marí no segundo pau, collendo a contrapé ao porteiro rival e anotando así o único tanto do encontro cando xa non había tempo para máis.

O Deportivo sumou así a segunda vitoria da temporada, co que se mantén invicto e no grupo de cabeza de LaLiga 1|2|3, con 8 puntos de 12 posibles.

RC Deportivo: Dani Giménez, David Simón, Domingos Duarte, Pablo Marí, Diego Caballo, Didier Moreno, Álex Bergantiños (Carles Gil, min. 80), Vicente Gómez (Pedro Mosquera, min. 87), Krohn-Dehli, Pedro e Carlos Fernández (Fede Cartabia, min. 71).

Real Sporting de Gijón: Diego Mariño, Geraldes, Álex Pérez, Babin, Molinero, André Sousa, Cofie, Nacho Méndez, Álvaro Jiménez (Hernán, min. 63), Djurdjević (Neftali, min. 72) e Carmona (Cristian, min. 80).

Gol: 1-0 Pablo Marí (min. 90+4).

Árbitro: Sagués Oscoz (c. vasco). Expulsou ao sportinguista Cofie (min. 75) por dobre amoestación. Cartón amarelo a Cofie (min. 29), Álex Pérez (min. 34), Carlos Fernández (min. 40), André Sousa (min. 59), Nacho Méndez (min. 64) e Didier Moreno (min. 83).

Incidencias: partido correspondente á 4ª xornada de LaLiga 1|2|3 disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 15.958 espectadores.