RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Para min foi un orgullo volver, chegar a ser capitán do Dépor", asegura Adrián

Adrián López, capitán do RC Deportivo, compareceu este mediodía na sala de prensa do Estadio ABANCA-RIAZOR.

O dianteiro asturiano recoñece que "non é fácil adestrar todos os días sabendo que xa estás descendido, que non podes facer nada a nivel de puntos ou de clasificación. O equipo polo menos segue traballando, segue implicado, que creo que é o importante e que é a imaxe que temos que dar neste final de liga".

Por este motivo, insiste en que "non son semanas normais, ás que estás habituado. Sempre preparo os partidos para conseguir os puntos, para conseguir obxectivos. Neste caso fai xa uns cuantos partidos xa sabemos que estamos descendidos. É difícil estar ao 100 por 100. Pero o equipo está a facelo. É o que debemos facer porque somos profesionais, é a nosa obrigación".

Cada día, Adrián advirte que ve aos seus compañeiros, ao equipo "adestrando dunha maneira moi boa. E iso é algo a destacar en favor do equipo".

Comprende as protestas da bancada: "Se as cousas van ben a xente apláudeche e se as cousas van mal, a xente pítache. É normal. É a maneira de facer ver que non están contentos. É normal por como foi a temporada. Nós o único que podemos dicir é que tentamos facelo o mellor posible. É unha pena que cando reaccionamos como equipo, fose tarde. Deixámolo todo polo equipo".

Nesta liña, manifesta que "todos nos sentimos responsables de que descendésemos. É un tema de todos os que formamos o Deportivo. Estamos todos coa nosa parte de culpa. Ninguén pode estar contento co traballo que fixemos este ano".

Confesa, a pesar da tristeza que supón o descenso, estar "moi orgulloso de volver aquí. Para min foi un orgullo volver, un orgullo chegar a ser capitán do equipo".

Sobre o seu futuro, insiste en que é xogador do FC Porto "e en principio teño que ir para alí. Non sei moi ben o que vai pasar. Non sei o que pasa nos veráns alí". Aínda que si admite que "son feliz aquí. Sempre que estiven aquí fun feliz, a pesar de vivir dous momentos moi complicados. É o equipo no que debutei, é o equipo no que máis anos xoguei durante a miña carreira. Por tanto é un sitio onde me atopo como en casa. Son feliz. Pero tampouco quero falar moito do meu futuro porque non depende de min", conclúe.