RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Pedro Mosquera lembra que ten contrato até 2021 e que "a miña intención é quedarme no Deportivo"

Pedro Mosquera foi o protagonista esta mañá na sala de prensa de Abegondo.

O mediocentro coruñés asegura que con este proxecto novo, "estamos todos moi ilusionados, con novo míster, con novos compañeiros".

Iso si, advirte que a temporada "vai ser complicada, vai ser difícil. Aínda queda moito por confeccionar o cadro. Vai ser un proceso longo, vai ser unha liga moi longa. Temos que estar moi ben durante toda a temporada".

No entanto, lembra que "somos o Deportivo e o Deportivo é un gran club. Todos sabemos o escudo que levamos. Pero isto non está rifado con ter humildade, en saber que é unha liga moi complicada. Vai haber moitos clubs que tamén teñen o mesmo obxectivo".

Por este motivo, indica que a meta desta campaña é "ser ambiciosos pero á vez humildes. Ir paso a paso e ir cumprindo obxectivos parciais".

En canto á súa situación persoal, Pedro Mosquera conta que "cando acabou a temporada, Carmelo falou connosco. Non falamos nada especial. Ao chegar despois das vacacións falamos e a intención é continuar. O Club quere que continúe. É un bo proxecto e quero ir da man do Club".

Non cre que sexa preciso un anuncio oficial sobre a súa continuidade, porque "teño contrato aquí até 2021 e só penso no Deportivo. Veño adestrar, a gañarme o posto cento por cento e de feito Carmelo que estea tranquilo, que a miña intención é quedarme. Eles teñen que valorar se hai algunha oferta, se é boa para o Club e se lles interesa. Pero eu estou implicado aquí".

Neste sentido, insiste en que "a miña intención é quedarme e eu vou ir sempre da man do Club. Se eles consideran que é algo bo para o Club que eu non estea aquí, non lles vou a poñer ningún impedimento. Eu o que quero é quedarme e tentar facer unha boa temporada co Deportivo".

Alegrouse do regreso de Álex Bergantiños: "Para nós é un gran reforzo. É un compañeiro, un capitán".

Despois do vivido a temporada pasada, opina que "non hai que mirar o malo doutros anos, e si aprender diso. Veu un novo Director Deportivo, un novo adestrador. É un proxecto novo. Estamos moi ilusionados e con ganas de poñerllo difícil ao míster".

Non está de acordo cos que afirman que a temporada pasada había mal ambiente no vestiario: "Había bo ambiente o que pasa é que os resultados non se deron. O vestiario estaba ben pero futbolísticamente custounos moito".

No inicio desta pretemporada, valora positivamente o feito de almorzar e comer todos xuntos na cidade deportiva: "Iso é moi bo para o equipo, facemos moita convivencia. Espero que todo vaia ben e que o equipo vaia para arriba".

Explica que nestes primeiros días de traballo, Natxo González "está a observar un pouco, coñecéndonos un pouco. A algúns xa os coñecería ou nos viu xogar. De momento estamos nunha fase de observación. Onte xa fixemos un pouco de estratexia e está a tentar ir aos poucos, paso a paso, tentando colocarnos no campo como quere el, cos seus sistemas. Tentando que nos amoldemos un pouco á súa idea de xogo".