RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Quero estar aquí e voume a esforzar para poder continuar no primeiro cadro", asegura Edu Expósito

Edu Expósito afronta a segunda pretemporada co Deportivo. O fabrilista xa sabe o que é debutar en competición oficial co primeiro equipo, tanto en Primeira División como na Copa do Rei.

Considérase xa "un máis no primeiro equipo. Agora espero poder afrontar este novo reto con ilusión. Quero estar aquí e voume a esforzar para poder continuar no primeiro equipo", recalca.

Nesta liña, márcase o centrocampista branquiazul como reto "gañarme un sitio máis a fondo que non como o ano pasado, á espera dalgunha lesión".

Por este motivo, Edu Expósito desvela que tiña "moitas ganas de empezar esta pretemporada. Traballei este verán para vir da mellor maneira. Agora a ver que tal".

Destacou esta mañá na sala de prensa de Abegondo "o ritmo alto de adestramento. O míster vén coa idea de adestrar duro, dunhas boas sesións de adestramento".

Comentou sobre as canteiráns que Natxo González "de momento non falou con ninguén. O que transmite é a súa idea de xogar e nada máis".

É consciente da dura competencia no centro do campo. Cita a Álex Bergantiños, Pedro (Mosquera), á vez que lembra que "faltan moitas entradas, algunha saída. A ver que sucede".

A pesar de levar poucos días de pretemporada, explica Edu que o estilo de Natxo González é "saír co balón desde atrás, xogo combinativo, e ter o balón nós. Que sexamos partícipes do xogo".

Agarda con impaciencia o primeiro amigable do próximo sábado 21 de xullo en Abegondo ante o Fabril: "Voume a atopar con todos os compañeiros do ano pasado. Algún non, pero coñecémonos todos. Si que vai estar moi ben o partido".

Conta que o ano pasado, co descenso do Deportivo, "foi un pouco raro. Nós non podemos ascender ao final co Fabril. Son situacións que non dependen de ti".

Iso si, destaca que xogar a fase de ascenso "serviume de aprendizaxe. Empecei co primeiro equipo e logo si é verdade que baixei todo o ano co Fabril. Foi unha temporada bonita e dura. Afrontas dúas situacións diferentes, e a verdade é que contento".

Preguntado por Óscar Pinchi, que decidiu saír do Club, Edu Expósito manifestou que "cada xogador elixe o que é mellor para el, para a súa carreira, e para chegar o máis arriba posible. Deséxolle a maior das sortes no Atlético de Madrid".