RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Quique avoga por "manter esa calma, esa tranquilidade e todos unidos imos sacar isto adiante"

Quique González cualifica de "vital, en casa, ante a nosa xente" o partido deste venres 22 de marzo en ABANCA-RIAZOR (21:00 horas, Gol e LaLiga 1|2|3 TV) ante a UD Almería, un dos seus ex equipos. "Estiven en Almería varias temporadas, moi a gusto, moi feliz. Tratáronme moi ben. Bonitos recordos e sempre será especial enfrontarme a eles", engade.

Destaca do cadro almeriense a súa mocidade: "Son rapaces novos, con moita fame, moita ilusión. Un equipo feito a priori para manter a categoría, pero non quere dicir nada. O que están a facer ten moitísimo mérito. Alégrome moito por eles".

Por conseguinte, vaticina un partido "moi difícil. Xa na ida puxéronnolo moi difícil. Nós temos que facer o noso fútbol, sacar nosa mellor versión para poder gañar".

Cre que o parón ligueiro debido á expulsión do CF Reus "vén moi ben para limpar a mente, para cargar pilas. Sabemos da importancia dos 12 partidos que quedan. Hai que pensar no primeiro, que é o do Almería, con todas as ganas e ilusión".

Nesta liña, "o tema mental é clave tanto nun equipo como a nivel individual. As cousas non están a saír pero os que imos sacar isto adiante somos nós estando unidos e traballando desde hoxe até o venres que é o partido. Temos claro que fixemos moi boas cousas noutros partidos. Iso tennos que dar esa confianza. Nin antes eramos tan bos nin agora tan malos. A partir de aí, traballar duro e confiar nun mesmo e no que tes á beira".

Na súa opinión, "a xente que leva máis nisto ten que dar un paso á fronte, ten que axudar. Tense que notar esa experiencia que che fai ter partidos ás costas. E iso nun equipo é clave. Trátase de cohesionar un pouco a mocidade coa experiencia. Iso é un equipo".

Con 13 dianas xa anotadas neste curso, Quique supedita no entanto calquera obxectivo individual ao colectivo: "De nada serve que eu marque 25 goles se o obxectivo non se consegue. Moi ilusionado de superar eses 16 (a súa marca anotadora), pero sempre que sirva para sumar de 3 en 3".

Recalca o ariete branquiazul que "quedan moitos puntos. Estamos ao alcance de calquera cousa. Hai que manter esa constancia até o final. Mentres os puntos estean en xogo todo é posible. Temos un cadro moi bo, un equipo moi bo. Agora hai que manter esa calma, esa tranquilidade e todos unidos imos sacar isto adiante".

Preguntado por Carlos Fernández, a súa parella en ataque no primeiro tramo ligueiro, indica que "parece que queda pouco. Nin Carlos nin eu somos os máis importantes do Dépor. Aquí todos sumamos, todos somos importantes".