RCD / NOVAS

Quique González: "O que se ten que ver é un Dépor que vai a por o partido en El Sadar"

11/04/2019 21:34

Quique González, o pichichi deportivista, regresa este sábado 13 de abril (18:00 horas, Movistar Partidazo) a El Sadar, a que foi a súa casa durante a temporada pasada: "Moi especial para min. Pasei un ano intenso e moi bonito. Teño xente que quero pero unha vez que pite o árbitro o que quero é gañar 3 puntos e vir para A Coruña máis que satisfeito".

Describiu o ano vivido defendendo as cores do CA Osasuna como "un ano moi bonito, moi intenso. Tiven a sorte de poder xogar todos os partidos de liga. Estiven moi a gusto. O respecto foi moi grande cara a min. É verdade que a nivel goleador non foi o que quixese, pero alí valoran outras cousas que non só son os goles. Foi un ano moi intenso e súper agradecido a Osasuna polo trato que me deron. A pena foi que non ascendésemos. Pero gardo moi bo recordo".

Quique insiste en que "o que se ten que ver é un equipo que vai a polo partido en El Sadar. Campo espectacular, ambiente espectacular, o líder e o Deportivo o único que pensa é en gañar. Agora mesmo é o máis importante. Sumar 3 puntos e non pensamos noutra cousa".

Espera a un Osasuna "intenso, coa súa xente e a súa afección que os vai a apoiar ao máximo. É un campo onde aperta moito ao equipo contrario. Están nunha dinámica moi boa, con moi bos xogadores que á maioría coñézoos do ano pasado. Non me estraña para nada a posición na que están".

A nivel persoal, o dianteiro deportivista asegura que fisicamente, aínda con algunha molestia, está "ben. O raro é a estas alturas de temporada, cos minutos que levo, é non ter nada. Son molestias e cousas dos partidos, dos adestramentos que non hai que darlle máis voltas".

A pesar de que os 3 últimos goles do Dépor foron seus, subliña que "a xente que xoga arriba ten talento e capacidade para facer gol. Hai uns actores principais que somos os dianteiros, pero canta máis xente poida axudar nesa faceta, moito mellor".

Máis novas de: QUIQUE GONZÁLEZ