RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Quique González: "Temos que estar centrados no noso"

A última comparecencia dun futbolista do Dépor antes do partido contra o CD Lugo do domingo ás 17:30 en Abanca-Riazor, deixou as reflexións de Quique González en sala de prensa da Cidade Deportiva de Abegondo.

Após o único parón da temporada confesou estar "con ganas de retomar a competición e de sumar o tres puntos porque é súper importante levantarse despois dunha derrota. Xa o fixemos e hai que ter personalidade, sen volverse tolo cos tropezóns e facer todas as cousas que vimos facendo durante a temporada a ver se somos capaces de ser efectivos nas dúas áreas. Un 3-0 a ninguén lle gusta pero isto é o fútbol e a segunda división, pero temos que ter personalidade para levantarnos e conseguir unha vitoria contra o Lugo que faga esquecelo".

Un CD Lugo que segundo o dianteiro branquiazul é un "equipo que xoga moi ben. A Las Palmas, recentemente descendido, meteulle catro, o que demostra, como se está vendo, que calquera equipo che pode complicar as cousas polo que hai que facelo moi ben para gañar. Na segunda volta xógase xa todo, vai custar moito máis conseguir os puntos e temos que dar un pasiño máis porque somos o Deportivo e temos a ambición de xogar ben para gañar e estar aí arriba".

Cuestionado sobre o cartel de favorito que os rivais atribúen sempre ao Dépor asevera que "non me molesta, aos meus compañeiros tampouco. Temos que estar centrados no noso, no traballo diario, en como facer dano ao rival e tentar que non nos fagan dano e iso é o que temos que pensar. O importante é o verde a fin de semana, non o que digan", como tampouco lle inquietan os refachos anotadores e de seca fronte ao gol: "o fútbol non son matemáticas, somos persoas, non somos máquinas. Os mellores xogadores do mundo non meten goles todos os días e critícaselles. Xa che dígo que eu tento facelo o mellor posible cada semana e prepárome para iso pero daquela as cousas non saen tan ben como un quere pero non hai que dramatizar nin volverse tolo. Hai que estar frío mentalmente e seguir traballando da mesma maneira. Estou contento pero quero máis".