RCD / NOVAS

Quique ve ao Dépor "forte. Sei da valía e do talento dos meus compañeiros"

06/12/2018 18:49

Quique González asegurou esta mañá na sala de prensa de Abegondo estar unicamente centrado no partido deste sábado 6 de decembro en ABANCA-RIAZOR ante o CD Numancia (13:00 horas, LaLiga 1|2|3 TV): "A dinámica é boa, o equipo leva un número de puntos importante. O máis próximo e o máis importante é o partido do Numancia. Gañar 3 puntos e gozar do momento; e logo Zaragoza en casa xa virá, pero cos 3 puntos na mochila".

O dianteiro deportivista advirte que "sabemos que facendo as cousas como o estamos facendo perdemos 1 partido nada máis. Se facemos ben as cousas e estamos acertados nas dúas áreas, estás máis preto da vitoria. Perder 1 partido de 16 non é nada fácil".

Ve o ariete branquiazul ao equipo "forte, sei do talento e da valía dos meus compañeiros. A partir de aquí, todo chega".

Di do Numancia que é un equipo "alegre, que cho vai a pór igual de difícil que calquera. Na Segunda División falar de calquera equipo, como te relaxes, como non compitas igual que eles, como non corras, como non collas as segundas xogadas... píntache a cara calquera".

Iso si, nesta liña subliña que máis que o rival, "preocúpame máis como esteamos nós. A iniciativa de xogo que temos é a de sempre. Esperemos estar acertados á hora de pasar, de xerar ocasións, de eficacia nas dúas áreas. Dependemos de nós. Facendo as nosas cousas estamos máis preto da vitoria. Hai que estar preparados para eses mini partidos que ten todo partido".

Aínda que si resalta que o Deportivo está forte en ABANCA-RIAZOR, Quique González lembra que "custa gañar os partidos. Aquí ninguén che regala nada. Nós sabemos o que temos que facer. Coa nosa xente está claro que é máis fácil. Dar por feito no fútbol un partido fácil, nunca".

Máis novas de: QUIQUE GONZÁLEZ