RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Riazor recupera o orgullo (0-0)

O Deportivo fixo todo o traballo necesario, todos os merecementos posibles para sumar os 3 puntos fronte ao Espanyol, ao que salvaron os paus en dúas ocasións, en remates de Fede Cartabia e Florin Andone, e o seu porteiro Diego López, que detivo un penalti a Lucas mediada a segunda metade.

Clarence Seedorf, preparador deportivista, realizou tres cambios con respecto ao once inicial que presentou na pasada xornada ante o Alavés. Os obrigados de Raúl Albentosa, lesionado, e Zakaria Bakkali, sancionado por acumulación de amoestacións, e o de Michael Krohn-Dehli, por decisión técnica, que deixaron o seu sitio a Fabian Schär, Pedro Mosquera e Fede Cartabia, respectivamente.

O Dépor realizou o primeiro lanzamento do encontro. Foi por medio de Pedro Mosquera, que cazou a 5 metros da frontal da área un mal despexe da zaga catalá. O mediocentro non o pensou dúas veces. Aínda que potente, o seu disparo atrapouno un Diego López ben situado. Respondeu o Espanyol no minuto 7, por medio de Gerard Moreno, co mesmo resultado: Rubén atrapou o coiro con facilidade.

Despois dun longo tramo central do período inicial de maior control e máis chegadas á área rival, aínda que sen remates a porta, do Dépor, o Espanyol gozou dunha boa oportunidade. Corría o minuto 24 cando Víctor Sanchez centraba desde a banda dereita, pasado ao segundo pau, onde apareceu Léo Baptistão lanzándose ao chan en pos do balón. O remate forzado do brasileiro, completamente só, marchouse ás nubes.

O Dépor respondeu o minuto 28, pero topouse co poste. Lucas roubou un balón a Carlos Sánchez, abriu cara á dereita para Andone e o romanés cedeu cara atrás, ao bordo da área, para a chegada de Fede Cartabia. O arxentino controlou o esférico, levantou a vista e puxo un mísil teledirigido que se estrelou moi preto da cruceta dereita do portal de Diego López.

Catro minutos despois, Schär recuperou un balón ante Léo Baptistão, pero o rebote caeu a pés de Pedro Mosquera. O mediocentro buscou un balón longo para Andone, ás costas de David López. O romanés gañou a carreira e rematou coa súa bota esquerda xa desde dentro da área. O seu disparo marchouse cruzado á esquerda da portería visitante.

No minuto 37 contraatacou o Espanyol. Piatti roubou un balón a Juanfran en campo deportivista, avanzou e centrou cara á área, onde Léo Baptistão anticipouse a Bóveda. O brasileiro peiteou en exceso a súa cabezada, co que o esférico se perdeu pola liña de fondo.

A segunda metade arrancou con ambos os equipos máis tímidos que na primeira. Até o minuto 53 non se produciu unha acción con certo perigo. Foi un lanzamento lonxano de Carlos Sánchez que se foi moi por riba do traveseiro. O Dépor respondeu segundos máis tarde nun saque de esquina de Lucas que Andone cabeceou no primeiro pau, excesivamente alto.

Cando se cumpría o minuto 63, Lucas aguantaba o balón na área. O dianteiro interpúñase entre o balón e a arremetida de Granero, que o derrubou. O penalti lanzouno, xa no minuto 65, o propio Lucas, moi duro, por baixo, á dereita de Diego López. O gardameta visitante adiviñou a súa intención e repeleu o lanzamento.

Non desfaleceu o Dépor, que pouco despois contou con outra moi boa opción, nun balón cruzado desde o extremo esquerdo por Lucas que non despexou ben Aarón. Adrián quedou só na área, escorado á dereita, ante o propio Aarón e Diego López, pero precipitouse rematando ao primeiro toque, frouxo e excesivamente desviado.

No minuto 77 chegou o quinto remate á madeira nos tres últimos encontros. Un primoroso centro de Emre Çolak, que entrara por Fede Cartabia xusto despois do penalti errado, cabeceouno Andone ao traveseiro.

O Espanyol espertou no minuto 85, nun avance pola dereita de Marc Navarro. O substituto de Granero buscou un imposible, cun dereitazo lonxano a pé cambiado que, con todo, levantou o ¡uy! nas bancadas, pois saíu lamiendo o pau dereito do portal de Rubén.

O Dépor tentouno por todos os medios no tempo engadido, embotellando ao Espanyol, pero nin os tiros lonxanos de Juanfran e Emre Çolak, nin os balóns bombeados á área atoparon rematador, co que o encontro concluíu como comezou.

Un punto insuficiente para saír da zona vermella, con 18 en total, pero un partido que serviu para que á conclusión do encontro a bancada ofrecese un merecido e unánime aplauso ao seu equipo, que non se fixo acredor doutro resultado que non fose a vitoria.

RC Deportivo: Rubén, Juanfran, Schär, Bóveda, Luisinho, Guilherme, Pedro Mosquera (Muntari, min. 82), Lucas, Adrián, Fede Cartabia (Emre Çolak, min. 65) e Andone (Borja Valle, min. 89).

RCD Espanyol: Diego López, Víctor Sánchez, David López, Óscar Duarte, Aarón, Darder, Carlos Sánchez, Granero (Marc Navarro, min. 80), Léo Baptistão (Sergio García, min. 69), Gerard Moreno e Piatti (Jurado, min. 74).

Árbitro: Fernández Borbalán (c. andaluz). Cartón amarelo a Andone (min. 17), Pedro Mosquera (min. 33), Víctor Sánchez (min. 42), Schär (min. 60), Fede Cartabia (min. 62) e Bóveda (min. 83).

Incidencias: partido da 25ª xornada de LaLiga disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 18.139 espectadores.