RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Seedorf: "O equipo está comprometido para seguir sacando o mellor rendemento posible"

Clarence Seedorf, técnico do Deportivo, manifestou esta tarde na sala de prensa do Estadio ABANCA-RIAZOR, nada máis concluír o adestramento, que "o equipo está comprometido para seguir sacando o mellor rendemento posible até o final. Así se adestraron. Fixeron unha boa semana".

Asegura que "temos máis dunha motivación para facer ben" #ONOSODERBI de mañá sábado 5 de maio en Balaídos ante o RC Celta (18:30 horas, Bein LaLiga): "a nivel Club, a nivel afección, a nivel de grupo, que merece terminar como están a xogar este momento, co mellor rendemento posible. O que están a demostrar todos os días é que queren terminar da mellor forma".

Agradece as palabras dos futbolistas na sala de prensa, caso de Adrián ou Borja Valle esta semana, que eloxiaron o traballo do técnico holandés desde a súa chegada ao banco branquiazul: "Eu son o que está agradecido. Desde que cheguei o primeiro día tiveron unha dispoñibilidade absoluta, traballaron de marabilla. Síntoo moito por eles, polo Club, pola afección que os resultados tardaron en chegar. É parte do deporte. Este grupo merece o respecto, porque fixeron un traballo fenomenal no día a día, con gran profesionalidade. Eu son o que estou agradecido a eles por todo o que me deron e que están a dar, porque non terminamos".

Insiste en que "temos aínda 3 partidos. A concentración de todos debe estar para terminar ao mellor nivel estes partidos. Despois hai tempo para falar de todo. Todos os pensamentos do ano que vén vainos a quitar algo. Isto vale para min, para o Club, para os xogadores. É un erro. Ser profesionais significa todos os partidos, todos os adestramentos, fanse o mellor. Así eu crecín como profesional e como adestrador".

Deixou claro o seu pensamento respecto de se dará oportunidades a canteiráns nesta recta final, xa sen obxectivos clasificatorios: "Xogadores de canteira soben ao primeiro equipo se están preparados. Non é abc que ti sexas de canteira e ti sobes. Unha noticia é que vou ter a Mujaid (central xuvenil) connosco todos os días. Paréceme un xogador interesante para o futuro. É un premio por como se comportou cada vez que veu connosco. Adestrar co primeiro equipo é máis importante que xogar noutro sitio onde xogas. Non hai que queimalos, hai que traerlles cando estean preparados e para prepararlles hai que facer un proceso".

Reitera que "atopamos 11, 12, 13 xogadores importantes, máis banco. Quero dar continuidade a isto. E despois seguramente nos últimos partidos podamos premiar un ou outro con algúns minutos en campo. Teño esta sensibilidade. Pero a miña primeira sensibilidade é sacar o máximo rendemento aos partidos".

Do Celta, di que é "un equipo moi perigoso. Ten moito talento arriba. Gústalle xogar o balón, ten talento en todas as liñas. Temos que ter moito coidado con este aspecto. Nós temos os nosos obxectivos, que empeza coa palabra orgullo e dar continuidade a un traballo moi ben feito por parte do grupo".

En canto ao seu futuro, reitera o dito o pasado domingo despois do partido ante o FC Barcelona, no que se certificou o descenso a LaLiga 1|2|3: "Está todo aberto. Deixei sempre claro que estou moi a gusto aquí. Desde o primeiro día sentinme como en casa. Traballei con moito pracer".

O técnico holandés pide agora "terminar este ano da mellor maneira. Espero que o Club teña paciencia para tomarse o seu tempo. O Dépor merece estar en Primeira, merece reconstruír algo importante. Por isto é necesario tomarse un tempo para poder decidir as cousas con calma. Este Club merece isto, esta cidade merece isto".